Fútbol gaélico feminino
Gróvias FG conquista a súa primeira liga galega
Redacción Deportes / A Guarda
A equipa de fútbol gaélico feminino Gróvias FG proclamouse campioa da liga galega este mércores 22 na Guarda, logrando o primeiro título da súa curta historia.
O partido, correspondente a última xornada, enfrontaba nunha auténtica final as dúas candidatas a facerse coa competición, a equipa local e Auriense FG. Auriense FG era a equipa con máis posibilidades para facerse co título, o valerlle incluso unha derrota de por até 8 puntos. Pola contra, Gróvias FG estaba obrigada a gañar por 10 puntos ou máis.
Desde o primeiro momento a equipa local impuxo un ritmo moi alto de partido, o que lles permitiu ir abrindo brecha no marcador, chegando cunha vantaxe de 15 a 3 puntos ao descanso.
A segunda parte comezou sendo favorable tamén a Gróvias, pero as visitantes fóronse metendo pouco a pouco no partido, resultando o final do partido nun emocionante 29 – 18.
Con esta vitoria, Gróvias faise co título ligueiro tras un empate a 24 puntos na táboa clasificatoria con Auriense, no que un +2 na diferenza de goles directa foi o que inclinou a balanza para a equipa local.
Todo un éxito para o deporte do Baixo Miño, logrando unha liga nunha disciplina na que aínda non se acadara ningún título.

Ningún comentario:
Publicar un comentario