25 de out. de 2023

VIGO

A CIG-Saúde de Vigo demanda “medidas drásticas” para rematar coas agresións en Atención Primaria 

 Alerta sobre un aumento dos incidentes no centro de saúde de Coia, mais tamén sinala a problemática existente no de Teis e no PAC de Vigo 


A CIG-Saúde reclama medidas que rematen coas agresións en Atención Primaria 
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG-Saúde reiterou hoxe a necesidade de adoptar “medidas drásticas” para rematar “dunha vez por todas” coas agresións tanto físicas como verbais que padece o persoal que presta servizo en Atención Primaria. A central sindical alerta sobre o incremento deste tipo de incidentes no centro de saúde de Coia, mais tamén sinala a problemática existente no de Teis e no PAC de Vigo.  

 A secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Pilar Rodríguez, lembra que a central sindical leva tempo demandando que se adopten medidas para facerlle fronte a unha situación “crónica”, especialmente nestes centros, que son os que presentan maior conflitividade. En especial o de Coia, que nos últimos días rexistrou un aumento das agresións verbais “de intensidade”.  

 Rodríguez sinala que o incremento deste tipo de incidentes ten que ver coa maior afluencia de persoas usuarias que rexistra a instalación como consecuencia do inicio da campaña de vacinación contra a gripe, mais tamén polo feito de que as máquinas que proporcionan as citas do ‘sistema quenda’ están avariadas, “o que fai que estas persoas se incorporen á cola de información/citas, provocando longas esperas e producíndose a conseguinte conflitividade”.  

 Até o punto nos últimos días foi necesaria presenza policial en varias ocasións, “por non falar de que algún persoal sofreu crises de ansiedade que derivaron en baixas médicas”. Outra causa desta situación é derivada da posta en marcha do concurso de traslados do persoal médico de Familia, que se traduciu en cambios de facultativo/ e movementos de citas, “o que fixo medrar o descontento da xente”.  

 Por iso a CIG-Saúde reclama medidas que rematen con esta situación, “incluso a contratación de seguridade privada nos centros máis conflitivos, que rexistran até 2 ou 3 incidentes diarios por riba da media”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario