14 de out. de 2023

RANDUFE (TUI)

X MOSTRA TEATRAL MIGUEL TRONCOSO 2023 

Domingo 22 de outubro de 2023 ás 19:00 horas, no salón de actos da Asociación Cultural e Deportiva “XUNTANZA”


Vista do salón de actos da Asociación Cultural e Deportiva “XUNTANZA”

Miguel Ángel Martínez González* / Randufe (Tui)

  O domingo 22 de outubro de 2023 ás 19:00 horas, inauguración da X Mostra Teatral Miguel Troncoso 2023 a cargo do noso grupo de teatro “Chirlomirlo” coa obra “Don Quixote”. Particular visión do clásico da literatura universal. Texto, escenografía, dirección, son e música a cargo dos nosos teatreiros. 

Domingo 29 de outubro de 2023 ás 19:00 horas 

 Continuamos coa mostra e nesta ocasión contamos co Grupo de Teatro CalDelas, de Caldelas de Tui coa obra “E ti, a que escola fuches?”. Trátase dunha adaptación da obra “O Florido Pensil”, outro clásico con case 30 anos de percorrido. 

Sábado 04 de novembro de 2023 ás 19:00 horas 

 Volvemos a contar cuns vellos amigos. Oito anos despois, o grupo Andaravía Teatro de Vedra volve á nosa Casa Cultural coa obra de elaboración propia “Xacovedra”, modesta (ou mordaz?) contribución ós fastos e celebracións do Xacobeo. 

 Sábado 04 de novembro de 2023 ás 20:30 horas, anticipámonos unha semana ó San Martiño. Dese xeito, aproveitando que estaremos todas/s reunidos, ó remate da obra de teatro, magosto con castañas e viño, de balde! 

Domingo 05 de novembro de 2023 ás 19:00 horas

 Remate da X Mostra Teatral Miguel Troncoso co grupo de teatro “Ata Sempre” de Alxén, Salvaterra de Miño. Vannos presentar o seu último traballo: “Atranco no banco”, a súa versión da obra homónima escrita por Manuel Núñez Singala. 

CHARLA SOBRE TOPONIMIA

Xoves 26 de outubro, ás 20:00 horas




 O pasado 2 de xuño fixemos unha petición formal á Real Academia Galega para incluír ó concello de Tui como beneficiario da charla “Toponimízate” dentro do proxecto “Galicia Nomeada” para o ano 2023. O dito proxecto trata de recupera-la micro-toponimia que se está a perder en todo o territorio de Galicia. 

 Dende Xuntanza consideramos que a perda de nomes tradicionais das distintas zonas é un problema que se está a manifestar en Randufe con máis intensidade debido a distintos factores: estase convertendo en zona residencial e gañando poboación foránea; está perdendo espazos naturais; increméntanse as urbanizacións, os supermercados e os polígonos industriais; está atravesada pola autovía A55 e hai novas infraestruturas de comunicación en marcha. 

 É por iso polo que, como impulsores desta iniciativa para todo o concello de Tui, teremos unha charla sobre toponimia que vai ofrecer o académico Vicente Feijoo o vindeiro 26 de outubro ás 20:00 horas no salón da nosa Casa Cultural de Randufe. 

*  Presidente da Asociación Cultural e Deportiva “XUNTANZA”

Ningún comentario:

Publicar un comentario