15 de out. de 2023

O ROSAL

O fotógrafo Alberte Pereira, expón no Rosal “Universo Peripatético” 

 A exposición estará formada por varias series, na que o autor reflexiona sobre o urbano dende unha perspectiva crítica 


Foto: Alberte Pereira


Infogauda / O Rosal

 “Universo Peripatético” constitúe unha reflexión visual sobre o chamado “espazo público” na cidade contemporánea. A través de varias series que, en principio non naceron cunha visión de conxunto, o autor, dende unha estratexia crítica e non planificada, cunha mirada ao detalle vai desenmarañando a complexidade do urbano. 

 É por tanto, unha reflexión sobre un todo, o urbano (universo), a través do andar (peripatético), utilizando a metodoloxía do movemento situacionista de mediados do século pasado para descubrir a cidade, a deriva. 

 Así, segundo palabras do propio Alberte Pereira, poderanse ver imaxes de series xa coñecidas, como a premiada “Fragmentos” -da que xa publicou un fotolibro-, na que mostra unha visión peculiar do mundo que o rodea, abundando na soedade dos que habitan as cidades, en contradición co bullicio imperante nas mesmas. 

 “Ángulos mortos”, semella parente da anterior, pero nesta, afonda na distopía urbana, nos espazos negativos, na cidade que se ve pero non se mira. Mostra unha especie de mapa antiturístico da cidade contemporánea. A súa cara B. 

 As intervencións no espazo público, que consciente ou inconscientemente realizan as persoas a diario, móstrase na serie “Rastros”. “É unha serie inspirada no artista belga, Francis Alÿs, pero utilizando unha metodoloxía inversa”, indica o autor. 

 Seguindo co tono crítico das anteriores, algo que é unha constante na obra de Alberte, en “Obsolescencia” mostra a decadencia do comercio tradicional, que se ve devorado e machacado polas grandes superficies e polo imperante comercio en internet. 

 Do mesmo xeito, reflexiona sobre a tamén obsoleta publicidade dos carteis, que se ve desprazada pola que se realiza a través das redes sociais ou teléfonos intelixentes. Publicidade, di, “que hoxe nos chega segmentada e adaptada aos nosos “gustos e necesidades” en base aos datos que recollen das nosas interacións nas redes sociais e internet. “Retratos intervidos” conforma posiblemente a serie máis pictórica e estética de todas as que se mostran. 

 E por último, en “Relacións inopinadas” o autor, en cuatro secuencias, tenta mostrar as relacións baseadas no disimulo, no anonimato e na indiferencia no entorno urbano. 

 “Todas elas naceron das deambulacións sen rumo polas diferentes cidade que visito”, indica. E puntualiza que, aínda que agora as presenta -algunhas con máis presencia ca outras- como un conxunto onde todas as series dialogan entre sí, naceron sen pensalas como tal. “Eu só fotografío todo aquelo que me chama atención nas derivas urbanas. Obviamente, a miña prespectiva é crítica, porque ao final fotografío en función das miñas experiencias vitais, a miña bagaxe cultural, a miña ideoloxía e como me posiciono perante o mundo que me rodea...”, afirma. 

 “Despois da toma das imaxes, as lecturas que teñen a ver co urbano, o espazo, o deseño urbano ou a economía... son as fontes das que nutro para definir de xeito máis preciso a idea inicial a nivel conceptual”, sinala. Así mesmo abunda en que, nesta exposición presentará seis series combinadas entre si, pero que segue traballando en algunha máis, que ampliarán no futuro a visión do autor sobre “o urbano”. 




Inauguración 

 “Universo peripatético” inaugúrase o vindeiro 21 de outubro ás 12:30 horas. Poderase visitar desde ese mesmo día ata o 26 de novembro no gastro bar DaorDAría, situado a beira do mercado do Rosal, en horario de 11:30h a 16:00h e de 18:30 a 01:00h. a excepción dos luns. 

 Na inauguración tamén haberá ambientación musical a cargo de Paco Nonovo, de Tomiño. 

 A exposición contará con máis setenta fotografías, moitas delas inéditas e será a maior que se teña visto do fotográfo guardés afincado no Rosal. 

O autor 

 Alberte Pereira é un fotógrafo autodidacta e independente, que leva máis de dez anos percorrendo as rúas e prazas de diversas cidades -o chamado espazo público- e rexistrando todo aquelo que ao seu paso lle chama a atención. 

 As súas fotografías teñen formado parte de exposicións individuais e colectivas tanto a nivél nacional como internacional. Asimesmo, ten recibido numerosos recoñecementos en festivias e concursos de ámbito estatal e internacionais. 

 No 2016, xunto con outros tres fotógrafos, fundou Quitar Fotos. Un espazo de reflexión, dialogo e difusión de propostas visuais. 

Máis info sobre o autor: https://alberteapereira.com/sobre-min/ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario