9 de out. de 2023

A GUARDA

O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, insta a unha resposta responsable ás autoridades xudiciais de Tui 

• Ante a onda de roubos que sufre o concello e toda a comarca do Baixo Miño, tralas detencións da pasada fin de semana.   

• Este luns pasaron a disposición xudicial os presuntos autores dos delitos


O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, diante dos xulgados, en Tui
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda fixo público no día de hoxe, que durante máis de tres semanas, Roberto José Álvarez Carrero, alcalde de A Guarda e deputado provincial de Relacións Institucionais, coñecedor da situación social provocada polos múltiples roubos no municipio e na comarca do Baixo Miño, iniciou, xunto co Equipo de Investigación dependente do cuartel da Garda Civil de Tui; o posto da Garda Civil, de A Guarda; e a Policía Local do municipio, e de forma totalmente confidencial, para non alarmar nin interferir na investigación, unha serie de dilixencias de investigación que culminaron esta fin de semana coa detención de catro presuntos sospeitosos de máis de quince delitos correspondentes a roubos múltiples que se viñan producindo maioritariamente no termo municipal guardés e en toda a comarca, e que incluían particulares, establecementos comerciais, colexios, locais municipais, etc.  

 O operativo foi dirixida polo Equipo de Investigación de Tui, auxiliado polo posto da Garda Civil, de A Guarda e coa asistencia puntual da Policía Local de A Guarda.  

 Así mesmo, Roberto José Álvarez Carrero, consciente da gran preocupación e alarma social que produce este tipo de delitos, mantivo conversacións coas autoridades xudiciais e coa fiscalía adscrita aos xulgados de Tui para que, "salvagardado os dereitos das partes implicadas, a lei se aplique co máximo rigor, [e dese xeito], a sociedade de A Guarda e do Baixo Miño estará protexida dos delitos que esta banda criminal organizada está a cometer, sobre todo nos establecementos comerciais pero que tamén afectaron a particulares, propiedades municipais ou colexios”.  

 Este luns pasaron a disposición xudicial os presuntos autores dos delitos. En palabras de Roberto José Álvarez  Carrero: "Desde hai máis de tres semanas trabállase para solucionar esta situación penal que afectaba ao noso municipio e a toda a comarca miñota, aínda que non se puido facer público para non interferir na investigación e detención dos presuntos autores dos delitos. Despois das conversacións mantidas coas autoridades xudiciais e o Ministerio Público, espero obter unha resposta xudicial efectiva para esta banda criminal organizada. Agradecemos publicamente o traballo que desenvolven os postos da Garda Civil do Baixo Miño (A Guarda, Tomiño e Tui), dobrando efectivos e patrullas no noso concello e, en especial, quero expresar o meu recoñecemento ao Equipo de Investigación de Tui”.  

 Por último, Álvarez Carrero expresa: “Unha vez realizadas as detencións, espero e confío en que as medidas adoptadas polas autoridades xudiciais de Tui sexan contundentes e verdadeiramente protectoras dos intereses de A Guarda e da súa comarca, xa que os delitos son graves, reiterados, e causan alarma social máis que notable. Se non obtemos unha resposta xudicial efectiva, realizaremos todas as actuacións ao noso alcance e falaremos coas autoridades necesarias para, finalmente, canalizar un tratamento xudicial, ao noso xuízo, demasiado tenue na aplicación da lei ante a reiterada criminalidade. dos presuntos delincuentes detidos e a alarma social que conleva esta situación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario