25 de set. de 2024

A GUARDA

FILATELIA

MARTA VERDE RODRÍGUEZ: MEDALLA DE PRATA Ó MÉRITO FILATÉLICO 

 Ela é un exemplo de que con traballo e esforzo todo se consegue


Marta Verde Rodríguez, recollendo o diploma acreditativo da Medalla de Ouro, lograda na EXFILNA ´2023, pola súa colección "En busca de la belleza" 
Fotos: Arquivo



Infogauda / A Guarda

 A filatelista guardesa Marta Verde Rodríguez acaban de outorgarlle a Medalla de Prata ó Mérito Filatélico. 

 A  magnífica nova chegoulle por medio de carta certificada enviada dende o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, polo Subdirector Xeral do Réxime Postal, na Subsecretaría de Fomento, Rafael Crespo Arce, e nela particípanlle: 

 “Me es muy grato comunicarte que en la reunión celebrada el día 16 de septiembre de 2024, el Consejo de la Orden Civil del Mérito Postal y la Medalla al Mérito Filatélico, acordó conceder a doña Marta Verde Rodríguez, por unanimidad, conforme a los dispuesto en el Real Decreto 968/2002 de 20 de septiembre, la Medalla de Plata al Mérito Filatélico. 

 Esta condecoración le será entregada en una ceremonia que se celebrará próximamente.” 

 Antes de recoller a carta en Correos, o presidente da Sociedade Filatélica Miño, de Ourense, José Barros Cachaldora, por medio de WhatsApp ,deulle os parabéns. Sen máis. 

 Marta respondeulle que non entendía o motivo deses parabéns, xa que a exposición virtual na que actualmente está participando non é competitiva, e na EXFILNA - 2024 ainda non a xulgaron. 

 Barros respondeulle que mire as noticias da páxina de FESOFI. Marta repasa todas as noticias das últimas semanas pensando que sairía algo relacionado coa súa comisión, a de Filatelia Aberta. Despois dunha primeira volta, volve a repasar de novo do final ó principio, deixando por ver a noticia onde saen os nomes e apelidos das persoas ou entidades, as cales lle conceden as Medallas. Por curiosidade, lee a lista e,...,o ver o seu nome e apelidos quedou sen saber que dicir nin facer, durante un bo anaco de tempo. 

 En decraracións a este xornal dixital transfronteirizo, Marta Verde explicou as claves: Resulta que dúas amigas e algún cómplice máis, xa levaban meses intentando sonsacarme toda a información profesional e filatélica posible para redactar un currículum que tiñan que enviar a Fomento. 

 Nunca imaxinei ter esta distinción. 

 Se antes, como membro de calquer xunta directiva, sentía a obriga de axudar e colaborar con todo o que estivera nas miñas mans, agora máis que nunca, intentareino facer moito mellor. En breve irei a Valladolid onde se celebra este ano a EXFILNA e, agradecereille en persoa a quen me propuxo para esta Medalla

 

Marta Verde e Pilar Gallego nunha exposición no 2016 o carón dunha das coleccións didácticas de Marta. Marta é a terceira muller filatelista galega en recibir a Medalla ó Mérito Filatélico, Pilar foi a primeira no 2015.


Marta Verde Rodríguez: toda unha vida dedicada a filatelia

 Dende pequena, sempre lle gustou coleccionar calquer cousa, pero os selos foron os que máis calaron nela polo que podían contar as imaxes. Concretamente, o que a impulsou máis a coleccionar foi co selo adicado a “Inauguración de los Observatorios Astrofísicos de Canarias” e, o concurso escolar de debuxo a nivel nacional onde, o deseño gañador convertiriase no selo para la Expo`92. Por participar agasallaban cun pequeno sobre con selos. Os nenos que non querían coleccionar selos, llos daban a Marta. Aí empezou a ter variedade, e cada novo selo, máis ilusión por coleccionar. 

 En 1995 fíxose socia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.e N.G.). Entrou como directiva da mesma en 1998 ata xullo de 2022, pasando polos cargos da sección xuvenil, vice tesoureira, tesoureira e secretaria. 

 En 2009 entrou a formar parte da xunta directiva da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) como vice tesoureira, e ocupando tamén a vogalía de Vitrinas, Xuventude e Filatelia Aberta ata o 2024. 

 En 2021 entra na Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) como presidenta da comisión de Filatelia Aberta ata a actualidade. 

 Dende o 2022 é socia da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño, ainda que leva anos colaborando coa sociedade e socios en todo o que pode. 

 Dende o 2023 é Xurado Rexional. 

 Colabora e axuda a cantas asociacións e filatelistas llo pidan, discretamente e sen facer ruido. De feito, fixo o deseño de varios cuños conmemorativos e turísticos. Entre outras cousas, tamén é a autora da imaxe do selo de A Guarda adicado a natureza. 

 Dentro das súas coleccións, ten unas cantas sinxelas so para exhibicións locais, e outras un pouco máis elaboradas e con máis investigación, para competir. Dende a súa primeira participación na EXFIGALICIA 2007 ata a actualidade, obtivo varios premios. Nesa primeira exposición - na Exfigalicia 2007 -, participou cun so cadro coa colección temática “La unión del reino vegetal y el hombre”, onde obtivo 63 puntos e medalla de Prata. 

 Na Filatem 2010 participou cunha nova colección Temática,  “Belleza natural”, onde obtivo 77 puntos e Medalla de Vermeil. 

 Na Exposición Filatélica Nacional do 2013 (Exfilna) participou coa colección “Belleza y cosmética natural” obtendo 77 puntos e medalla de Vermeil. 

 Na Exposición Filatélica Nacional do 2014 (Exfilna) participou no apartado de Literatura co libro “Algo más que sellos” obtendo 72 puntos e medalla de Prata Grande. 

 Na Exposición Filatélica Nacional do 2020 (Exfilna) expuxo a colección de Filatelia Aberta, “Al son de la gaita”. Nesta ocasión obtivo 80 puntos e medalla de Vermeil Grande. 

 “En busca de la belleza” é a última colección coa que participou na Exposición Filatélica Nacional do 2023 (Exfilna) no apartado de Filatelia Aberta, obtendo 85 puntos e medalla de Ouro e, coa mesma colección, na Exposición Internacional de Filatelia 150 años de la Fundación de Jesús María 1873-2023 en Arxentina, conseguiu Prata.  

 Segue mellorando as coleccións que xa ten feitas, pero xa está traballando noutras novas porque, como Marta afirma: a filatelia ten moito que amosar.

 En filatelia podemos ver a moi poucas mulleres, pero este é un exemplo de que con traballo e esforzo todo se consegue. 



 Na imaxe (de esq. á der.): Marila Abad, é a segunda muller galega en ter a Medalla ó Mérito Filatélico no 2020, e tamén a primeira muller en ser membro da xunta directiva da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) no 2023, ostentando o cargo de vice secretaria; Beatriz González, primeira muller en ser presidenta dunha comisión (Filatelia Moderna) na Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) en 2020; Pilar Gallego, primeira muller galega en ter a Medalla ó Mérito Filatélico en 2015. Foi socia fundadora da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño en 1964. E Marta Verde, segunda muller en ser presidenta dunha comisión (Filatelia Aberta) na Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) en 2021, e terceira muller galega en obter a Medalla ó Mérito Filatélico en 2024. Todas elas pertencen a Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño. 

 Cabe destacar que a Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) leva máis de 60 anos de existencia e, a entrega de Medallas ó Mérito Filatélico máis de 50 anos, por iso a importancia destas catro mulleres na filatelia galega.

 Desde Infogauda valoramos moi positivamente o labor desas mulleres, e de xeito especial, este novo logro de Marta Verde Rodríguez, que vén a premiar - con todo merecemento -, toda unha traxectoria a prol da filatelia, non soio na vertente do coleccionismo, senón tamén na do fomento desa actividade cultural entre os escolares e persoas interesadas en comezar súas coleccións, entre outros labores que ten realizado ao longo de tres décadas.

Cea Palmarés da ENXFILNA-2024

 Na Cea Palmarés da EXFILNA-2024, que se celebrará o próximo 6 de outubro, en Valladolid, entregaranse as Medallas Individual e Colectiva de Fesofi, segundo acordouse na Asemblea Xeral celebrada en Madrid o pasado 10 de marzo a: 

Colectiva: a Asociación Cultural Pena Filatélica Mirandesa.  

Individual: a José Ángel Campo Huerta.


Anverso da Medalla ao Mérito Filatélico 
                                                               Reverso da Medalla ao Mérito Filatélico      

  Asi mesmo entregaranse as Medallas ao Mérito Filatélico que na reunión celebrada o 16 de setembro de 2024, o Consello da Orde Civil do Mérito Postal e Medalla ao Mérito Filatélico, acordou conceder, por unanimidade, conforme ao disposto no Real Decreto 968/2002 do 20 de setembro as seguintes medallas:     

Medalla de OURO  

Mª Nieves García Yugueros; Francisco Javier Castro Manrique; Juan Antonio Llacer Gracia; e Miguel Ángel García Fernández     

Medalla de PRATA  

Idoia Sáenz Marín; Luis Rollán Infiesta; Marta Verde Rodríguez; e Cercle Catalá de Collecionisme. Sant Feliu de Llobregat.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario