25 de set. de 2024

TOMIÑO

O legado artístico de Mario Rodríguez enriquece o patrimonio cultural de Tomiño  

• O Concello recibe a doazón da obra ‘Paisaxe de Forcadela’ e a cesión temporal de nove pezas emblemáticas do pintor tomiñés 

 

A alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González Álvarez, con Rubén Muñoz Alonso, curmán do pintor, e actual representante en Galicia, da familia en todo o relacionado con Mario Rodríguez, no acto de sinatura do convenio de doazón permanente da obra ‘Paisaxe de Forcadela’ e a cesión temporal doutras nove pezas emblemáticas de Mario Rodríguez; acto ao que asistíu Mª Violeta de Santiago Moure, concelleira do grupo municipal do PSdeG-PSOE, de Tomiño

Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 A historia, a arte e a cultura de Tomiño gañan un novo tesouro. O Concello vén de asinar o convenio para a doazón permanente da obra ‘Paisaxe de Forcadela’ e a cesión temporal doutras nove pezas emblemáticas de Mario Rodríguez, un acordo que marca un fito na conservación e difusión da obra do pintor tomiñés e que permitirá que a veciñanza teña a oportunidade de contemplar parte do legado dun dos artistas máis representativos da memoria histórica e cultural tomiñesa. 

 “A arte de Mario Rodríguez é unha ponte entre o pasado e o presente, unha testemuña viva da nosa historia e da nosa identidade. Contar coas súas obras no Concello é un orgullo inmenso e un recoñecemento ao traballo dun home que viviu en primeira persoa os momentos máis duros da historia sen deixar de ser un faro de creatividade”, salienta a alcaldesa, Sandra González. A rexedora asinou estes días o convenio de colaboración con Rubén Muñoz Alonso como representantes de María Luisa Fernández Rodríguez, propietaria das obras.  

 A través deste acordo, a obra ‘Paisaxe de Forcadela’, un óleo sobre lenzo de 65x96 centímetros, pintado en 1986, pasa a formar parte do patrimonio cultural tomiñés de maneira permanente. Xunto a esta peza, o Concello recibe a cesión por un período de cinco anos doutras nove pezas que reflicten diferentes etapas e temáticas da traxectoria de Mario Rodríguez: ‘Pintor traballando (Mario)’, de 1977; ‘Santuario de San Campio (Figueiró)’ e ‘Concelleiros mallando na oposición’, de 1979; ‘Xirasoles II’, de 1989; ‘Eido da miña avoa’, de 1991; ‘Homenaxe a Vincent Van Gogh’, de 1997; ‘Outeiro de Figueiró’, de 1998; Portada do libro Periferias de Carlos Quiroga, de 1999; e, o máis recente, ‘O meu soño’, pintado en 2005. 

 Con este convenio, impulsado en pleno polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, o Concello sufragará os gastos de restauración e conservación destas obras, garantindo o seu coidado e traballando para que poidan ser desfrutadas pola veciñanza en exposicións ou actividades culturais. “Estas pezas enriquecen o noso patrimonio artístico e ofrecen unha oportunidade única para achegar a figura de Mario Rodríguez ás novas xeracións, consolidando a súa pegada na nosa cultura”, resalta a alcaldesa. 

Mario Rodríguez Gómez

 Mario Rodríguez, nado en Figueiró en 1931, foi un personaxe senlleiro de Tomiño homenaxeado hai anos no acto cívico das Festas do Alivio en recoñecemento ás súas achegas á cultura e memoria histórica de Galicia. Todo un referente no mundo da arte, a súa vida estivo marcada pola represión do réxime franquista tras o golpe militar de 1936 e o seu exilio a Bos Aires, onde foi acollido pola intelectualidade galega. Mario Rodríguez púxose diante de pinceis e lenzos ata o final da súa vida no seu estudo de Figueiró e a súa obra está representada en museos, galerías e coleccións particulares de países como Brasil, México, Venezuela, Arxentina, Inglaterra, Francia, Alemaña, España ou Portugal. 

 Con esta cesión e doazón, o Concello reafirma o seu compromiso coa preservación da cultura, da historia e do legado tomiñés, ao tempo que honra a figura dun artista senlleiro que deixou unha pegada imborrable na arte galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario