28 de set. de 2023

TUI

O programa “Cultiva a Mente” do Concello de Tui chega a todas as parroquias promovendo o envellecemento activo

 A pasada temporada participaron 134 persoas maiores de 55 anos en 9 parroquias


Infogauda / Tui

 Traballar na prevención e promover un envecellemento activo da poboación son parte dos obxectivos do programa “Cultiva a Mente” organizado e financiado polo Concello de Tui, que dende hai cinco anos se realiza en colaboración de AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia. Dende o primeiro momento dende o Concello de Tui optouse por descentralizar este servizo dirixido á poboación maior de 55 anos achegando esta actividade á poboación das parroquias, favorecendo ao tempo a socialización entre a veciñanza.  

 “Cultiva a Mente” iniciará a súa sexta temporada no mes de outubro presentando coma novidade que por vez primeira contará con sesións semanais en todas as parroquias, ao incorporarse Baldráns e Paramos.  

 Nas sesións, de forma dinámica  traballarase na promoción dun estilo de vida activo e saudable, no uso de estratexias de memoria activa, no desenvolvemento dun axeitado estado emocional xerando estratexias de autocoñecemento e xestión emocional, previndo a soidade non desexada e fomentando unha aprendizaxe continuada. Neste programa trabállase en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Beatriz Rodríguez, psicóloga sanitaria de AFAGA, será a encargada de impartilo.  

 O curso pasado o programa desenvolveuse en 9 parroquias contando con 134 persoas participantes cunha idade media de 80 anos, e das que o 83% foron mulleres. Entre outras iniciativas realizaron actividades interxeneracionais con alumnado do CEIP nº 1 no proxecto “Xeracións activas #ODS2030”, e co CEIP de Guillarei co proxecto “Unha historia de amizade”.  

 Nesta nova temporada a actividade comeza a próxima semana os grupos xa formados, e na semana do 9 ao 15 de outubro para os novos. As sesións serán semanais cunha duración de hora media.  

 Así os martes ás 9.30  h será en Malvas, ás 11.30 h en Ribadelouro, ás 16.00 h en Baldráns e ás 18.00 h en Paramos. Mentres os mércores as sesións serán ás 9.30 h en Pazos de Reis, ás 11.30 h en Areas, e ás 19.00 h en Randufe. Mentres os xoves ás 16.00 h o programa chegará a Caldelas, e ás 18.00 h en Pexegueiro. Por último os venres será ás 9.30 h en Guillarei e ás 11.30 h en Rebordáns.  

 As persoas interesadas poden inscribirse cubrindo o impreso dispoñible en tui.gal e presentándoo na sede electrónica ou no Departamento de Servizos Sociais.   

 Ficha inscrición Cultiva A Mente 2023/24

Ningún comentario:

Publicar un comentario