26 de set. de 2023

DEPORTES

ATLETISMO

A X edición da 15k do Atlántico Banco Mediolanum celebrarase o domingo día 1 de outubro

 A presentación do evento tivo lugar no Monte Santa Trega


Participantes no acto de presentación da X edición da 15k do Atlántico Banco Mediolanum
Foto: B.M.

Infogauda / A Guarda

 Coa asistencia da alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, e do alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; así como do concelleiro de Deportes do Concello de A Guarda, Celso Rodríguez Fariñas; Aser Estévez Cividanes, concelleiro de Eventos Deportivos; José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Deportes do Concello do Rosal; Modesto Pereira Treinta, concelleiro de deportes do Concello de Oia; Ivonne Pousa e Ángeles Franco, xerente e banqueira familiar, respectivamente, de Banco Mediolanum; María Gómez, responsable de sustentabilidade en Vigo, da Asociación Española Contra o Cancro (AECC); o exciclista Álvaro Pino Couñago; e Serafín Martínez, director da carreira e membro da empresa organzadora;  ao mediodía de hoxe, tivo lugar no Monte Santa Trega, de A Guarda, o acto de presentación da X edición da 15k do Atlántico Banco Mediolanum. 

 Abríu o acto o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, dando “a benvida a todos os asistentes, ao Monte Santa Tegra, este lugar idílico de Galicia, no que o Océano Atlántico, acariña as nosas augas”

 Estamos - dixo o alcalde guardés - sumamente implicados neste evento que cumpre 10 anos, e que superará os 1.000 participantes”.   

 Tras el, o director da carreira, Serafín Martínez, explicou todas as novidades desta edición. Así, empezou falando, do “aumento de participación, case un 30% máis, alcanzando os mil, entre as dúas distancias e a andaina”

 “Estamos - engadiu -  a envorcarnos aínda máis por cumprir os 10 anos, e mostrouse “supersatisfeito da acollida por parte dos atletas da carreira curta, de 7,5 km, demandada xa outros anos, aínda que non estou seguro que poida volver a haber nun futuro”. 

 Respecto a camiseta conmemorativa dixo que “está a ser un éxito”, tendo que ampliar os pedidos debido “á gran demanda”. 

 Referíndose ao padriño da proba, Álvaro Pino, asegurou: “Temos a honra de contar cunha persoa moi especial para min como é Álvaro”. Lembremos que o ponteareán fora o seu director no club ciclista Xacobeo Galicia.  

 Para finalizar, convidou a “todos os novos membros das corporacións dos Concellos do Rosal, e A Guarda a coñecer a carreira desde dentro, que vexan o ambiente que hai ese día, porque é un evento que temos que coidar, tentando cada ano, gañar, xa non en cantidade, senón sobre todo en calidade”.

 Pechou o turno de intervencións, o flamante padriño desta 10ª edición, o exciclista Álvaro Pino, noutra época director deportivo de Serafín Martínez, co desaparecido Xacobeo Galicia. 

 O ponteareán dixo que lle “facía moita ilusión a chamada porque normalmente teño moitas invitacións, pero a eventos ciclistas, non a carreiras a pé”. Asemade, afirmou ser “bo coñecedor da zona, xa que paso moitas veces en bicicleta por este Camiño da Costa que ten cada vez máis xente”. “Farei a andaina - engadiu -, xa a que a miña idade non estou para correr”, finalizaba o campión da Volta ciclista a España de 1986.

 A devandita proba deportiva está organizado por NOKO 360, en colaboración cos concellos de Oia, O Rosal e A Guarda e celebrarase o vindeiro domingo día 1 de outubro.  

 O evento, destinará un euro de cada inscrición á Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Así mesmo, abrirase unha fila cero para poder doar cal tipo de cantidade a maiores á devandita asociación.

  A saída será ás 11:00 horas desde o campo de futbol As Tornas, de Oia. A chegada  será no porto da Guarda.  

 Con motivo do 10º aniversario da proba, haberá unha proba (Mini 15K) de 7,5km, con saída desde a esplanada de Portecelo (O Rosal) e chegada ao porto de A Guarda. A saída será ás 11:15 horas.  

 A organización poñerá servizo de autobuses antes e despois da proba, con saída desde o Museo do Mar de A Guarda.  

 Os horarios serán:  

Antes do evento: 9:00, 9:15, 9:30, 9:45, 10:00, 10:15.  

Despois do evento: 13:45, 14:00, 14:30.

 As categorías para a 15k, serán as seguintes :  

ABSOLUTA 

• SENIOR (ANO 1987 – 2007) 

• MASTER A (ANO 1977 – 1986) 

• MASTER B (ANO 1967 – 1978) 

• MASTER C (ANO 1966 en diante)  

 Establécense premios para empadroados na Guarda, Oia e O Rosal.  

 Os premios e categorías non serán acumulables excepto para empadroados.  

 Na Mini 15K terán premios os 3 primeiros absolutos masculino e feminino.

 Os tres primeiros e primeiras clasificadas da proba absoluta 15k recibirán estes premios económicos:

1º/1ª 150 euros 

2º/2ª 100 euros 

3º/3ª 50 euros

 A organización pechará as inscricións unha vez cubertos os 600 atletas. Ademais, toda persoa que corra sen estar rexistrada ou sen mostrar visible o dorsal no peito, farao baixo a súa responsabilidade e non poderá participar de avituallamientos, trofeos nin obsequios. Así mesmo, non estará amparada pola póliza de seguro contratada e quedará terminantemente prohibida a súa entrada en liña de meta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario