Cando a túa saúde mental depende dun servizo que pode desaparecer
• A precariedade financeira ameaza un modelo comunitario de saúde mental que leva anos demostrando a súa eficacia no rural galego
Vanesa Mauri/A Guarda
Avelaíña Saúde Mental alerta da situación crítica que atravesa o Programa Achego, un recurso pioneiro fundamental de atención comunitaria en saúde mental no rural galego que leva funcionando dende 2017 e que, malia contar con resultados moi positivos e recoñecidos, pode desaparecer por falta de financiamento estable.
En Galicia, falar de saúde mental é falar tamén das desigualdades que marca o territorio. Nas zonas rurais, onde moitas aldeas carecen de servizos próximos e a soidade forma parte do día a día, os recursos comunitarios son un soporte imprescindible. Estes programas achegan acompañamento emocional, prevención, intervención en crise e espazos de socialización, ofrecendo aquilo que o sistema sanitario, centrado sobre todo en modelos urbanos e hospitalarios, non sempre pode cubrir. O problema é que, aínda sendo eficaces, estes servizos sobreviven con subvencións curtas, precarias e insuficientes, que non garanten a súa continuidade.
O Programa Achego é un exemplo claro desta realidade. Naceu co obxectivo de levar atención psicosocial e comunitaria ás comarcas do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas, zonas con forte dispersión xeográfica e escaso acceso a servizos especializados. Desde o seu inicio, o programa demostrou ser unha ferramenta eficaz para acompañar persoas en situación de vulnerabilidade e illamento, detectando casos sen diagnosticar, situacións de alto risco suicida e necesidades non atendidas polo sistema público.
Moito máis que datos
Os datos acumulados desde 2017 avalan o impacto deste modelo: 1.864 persoas atendidas, mellora do 100% do benestar emocional das participantes, 713 intervencións psicosociais, 429 atencións no propio contorno comunitario, 1.035 persoas sensibilizadas en accións comunitarias e máis de 1.500 coordinacións con servizos socio sanitarios e entidades locais. O programa Achego demostra día a día que é posible achegar a saúde mental ao rural de forma eficaz, humana e adaptada ao territorio, actuando onde o sistema directamente non chega.
A pesar disto, Achego enfróntase cada ano á mesma ameaza: a falta dun financiamento estable e suficiente. O programa actualmente depende de fondos do 0,7% do IRPF, de subvencións anuais da Consellería de Política Social e de convocatorias por concorrencia competitiva do SERGAS, o que provoca que a continuidade do servizo quede supeditada á resolución temporal destas partidas.
Esta inestabilidade ten consecuencias directas: equipos profesionais que traballan sen saber se poderán continuar, persoas usuarias que dependen dun servizo sen garantías de permanencia e territorios que, se o programa desaparece, volverían quedar sen ningún recurso específico de saúde mental comunitaria.
Avelaíña advirte de que esta situación non é un caso illado, senón un síntoma dun problema estrutural: en Galicia, os modelos comunitarios —que demostraron ser eficaces, próximos e adaptados ao territorio— seguen financiándose como proxectos temporais, mentres que o investimento estable continúa centrado nos dispositivos hospitalarios. A entidade considera que esta dinámica non só é inxusta co rural, senón tamén ineficiente desde o punto de vista socio-sanitario, xa que a falta de apoio comunitario deriva en problemáticas máis graves e custosas a medio e longo prazo.
“O enfoque comunitario funciona, e temos datos que o proban. O que non funciona é un sistema de financiamento precario que pon en risco programas que son imprescindibles para a saúde mental do rural galego. Este modelo baséase en algo sinxelo pero poderoso: a proximidade. Coñecer ás persoas, o seu contexto, os seus ritmos de vida. Algo difícil de replicar desde estruturas centralizadas. A pregunta non é se estes recursos son necesarios. A pregunta é por que seguen dependendo de convocatorias temporais para sobrevivir”, sinala Eva Caparroz, directora técnica da entidade. “A desaparición de Achego non sería só a perda dun proxecto, sería deixar sen apoio a centos de persoas que contan con este servizo como única referencia”.
A entidade fai un chamamento ás administracións públicas para garantir un financiamento plurianual, estable e suficiente, que permita dar continuidade e consolidar Achego e outros programas comunitarios que sosteñen o benestar emocional en territorios rurais. “O rural galego non pode seguir perdendo recursos. Non se pode permitir que un programa que funciona desapareza pola falta de estabilidade financeira”, conclúe Rafael Álvarez, serene da entidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario