2 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN

O Atlético Guardés extrae un novo e positivo comezo da súa Asemblea Ordinaria 

O pavillón da Sangriña acolleu onte mércores a Asemblea Xeral Ordinaria para socios e abonados do Club Balonmán Atlético Guardés, unha convocatoria que chegaba para liquidar a incerteza xerada nas últimas semanas pola saída do principal patrocinador e a dimisión do seu presidente 

Na reunión, o Club confirmou a candidatura dun dos seus socios á presidencia, cuxa identidade será revelada nos próximos días, e quen ten agora un prazo de 15 días para formar unha Xunta Directiva de entre as outras 14 persoas que se ofreceron voluntarias para iso 

A nivel económico, confirmouse un aumento do apoio institucional para a próxima tempada, así como o avance de conversacións cos patrocinadores privados de maior peso; aínda que segue faltando un patrocinador principal 


Na reunión, o expresidente do Club, Jesús López, anunciou a esperada e positiva noticia da súa substitución


Redacción Deportes/A Guarda 

 O Club Balonmán Atlético Guardés dá un paso en firme cara ao seu futuro e anuncia, como colofón a un incerto final de tempada, boas noticias a nivel organizativo e económico. A Asemblea Xeral Ordinaria de socios e abonados celebrada onte mércores deu paso a unha nova etapa na dirección da entidade e informou de importantes avances orzamentarios para a campaña vindeira. 

 Na reunión, o expresidente do Club, Jesús López, anunciou a esperada e positiva noticia da súa substitución. O antigo directivo puido confirmar que un dos socios do Guardés presentouse á presidencia, quen asume automaticamente o cargo ao tratarse da única candidatura. A súa identidade será comunicada o máis axiña posible polas canles de comunicación habituais da entidade, inaugurando así un novo capítulo na historia da organización. 

 Mentres tanto, o novo presidente dispón agora de 15 días para confeccionar e presentar a súa nova Xunta Directiva, na que, por sorte, tampouco quedará curto de efectivos. Xunto coa convocatoria desta Asemblea, o club baixomiñoto realizaba un chamado aberto á súa masa social e a súa afección, sinalando que se necesitaba dunha boa cifra de capital humano para formar unha dirección diversa e renovada. Na tarde de onte detallouse que hai unhas 14 persoas dispostas a tomar parte nesta nova xestora, na que o propio Jesús López indicou que continuará como vicepresidente ou unha figura de apoio similar para facilitar a transición todo o posible. 

 Ademais, cóntase tamén con outros dez afeccionados e familiares das atletas que participarán do día a día do traballo organizativo como colaboradores. 

 Resólvese así unha das máis preocupantes incógnitas coas que o Atlético Guardés afrontaba o final da tempada 2025/2026, pois a cuestión directiva era a máis perentoria e a que marcaría a continuidade ou non do proxecto de cara ao próximo curso deportivo. A segunda problemática, a económica, tamén foi actualizada nesta Asemblea Xeral: o antigo presidente informou os socios de que hai avances nas conversacións cos patrocinadores de máis peso, buscando que aumenten a súa achega, así como con novas empresas que buscan comezar a apoiar o equipo; aínda que queda aínda pendente a procura dun mecenas principal que nomee ao proxecto e figure como titular. Polo demais, confirmouse un necesario incremento na contía achegada polas diferentes institucións públicas. 

 Así, ante unhas 80 persoas, a entidade baixomiñota esbozou os primeiros pasos dunha nova etapa que encara con dificultades, pero tamén coa ilusión de manter viva a identidade e o compromiso do primeiro campión de Europa de Galicia.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario