Pesca artesanal e ciencia únense en A Guarda para a recuperación de poboacións de camarón
Sara Montenegro*/A Guarda
O porto da Guarda acollerá este venres, 3 de xullo a solta de exemplares xuvenís criados a partir de camarón capturado polos propios pescadores, nunha iniciativa que busca mellorar a biodiversidade mariña e sentar as bases de futuras actuacións de repoboación.
Con este obxectivo, o venres ás 11.00 horas, o porto da Guarda acollerá unha acción de repoboación destinada a reforzar as poboacións de camarón na costa guardesa mediante a solta de xuvenís criados por Octolarvae a partir de exemplares achegados polos pescadores da Guarda. A actuación permitirá avaliar o potencial destas técnicas de cultivo e reintrodución como ferramenta para mellorar a biodiversidade mariña e avanzar na recuperación de especies de interese pesqueiro.
A iniciativa, na que colaboran a Organización de Mariñeiros/as Luso Galica (Ormaluga) e a Confraría de A Guarda, desenvólvese no marco de ACUIREGAL, un proxecto de investigación que promove a acuicultura rexenerativa en Galicia impulasdo polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), Octolarvae, filial do Grupo Profand, e o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa (ICSEM), co financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Para Ormaluga, esta iniciativa representa moito máis ca unha solta de exemplares. É a demostración de que a colaboración entre o sector pesqueiro e a comunidade científica pode converterse nunha ferramenta eficaz para mellorar o estado dos recursos mariños e garantir o futuro do sector. Os profesionais do mar somos conscientes de que a saúde dos ecosistemas é a mellor garantía para o futuro da pesca. O noso coñecemento tradicional sobre o medio atopa na ciencia unha aliada para afrontar un dos maiores retos do noso tempo: conservar a biodiversidade e reforzar os recursos pesqueiros nun escenario marcado polos efectos do cambio climático, cuxos efectos sufrimos no noso día a día.
Desde o noso punto de vista, a pesca artesanal forma parte da solución aos retos ambientais. Ademais de proporcionar alimentos de proximidade cunha baixa pegada de carbono, mantén vivo un oficio estreitamente vencellado ao territorio, xera emprego nas comunidades costeiras, contribúe á soberanía alimentaria e desempeña un papel fundamental na conservación do patrimonio marítimo e pesqueiro de Galicia.
Precisamente por iso, Ormaluga considera imprescindible fomentar proxectos colaborativos como ACUIREGAL, nos que o coñecemento científico e a experiencia da xente do mar traballan na mesma dirección. O proxecto desenvolverá durante os próximos tres anos novas técnicas de cultivo e repoboación, impulsará a creación dun biobanco mariño e avaliará o impacto ambiental, social e técnico das actuacións de restauración.
A experiencia que imos levar a cabo na Guarda pretende xerar coñecemento útil para que actuacións deste tipo poidan aplicarse no futuro a maior escala, contribuíndo á recuperación de especies de interese pesqueiro e ao fortalecemento da biodiversidade mariña.
* Integrante da Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica OPP98

Ningún comentario:
Publicar un comentario