3 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN

Fernando Reyes González é o novo presidente do Club Balonmán Atlético Guardés 

O guardés, de 45 anos de idade e socio do Club dende 2019, colle as rendas da directiva da entidade miñota 

Nestes sete anos estivo implicado na actividade deportiva da entidade de distintos xeitos, como colaborador pero sobre todo a través das súas fillas, que xogan nos equipos Cadete e Benxamín da base 

Fernando Reyes: “Se había que sacar isto adiante e podía colaborar en que o Guardés non rematase, quería aportar o meu gran de area” 


Fernando Reyes González
Foto: CBAG

Redacción Deportes/A Guarda 

 O Club Balonmán Atlético Guardés xa ten novo presidente. O guardés Fernando Reyes González, de 45 anos e socio da entidade dende hai sete, colle as rendas á cabeza da Xunta Directiva da entidade e tomará a testemuña de Jesús López González despois de ofrecerse voluntario para resolver a falta de alternativas. 

 Así, tal e coma se anunciou na Asemblea Xeral Ordinaria de socios deste mércores, será precisamente un dos seus afeccionados quen ocupe o cargo. Reyes estivera afincado en Madrid ata 2019, momento no que regresou á Guarda e dende o cal foi, xunto coa súa familia, socio e fiel seguidor da actividade dos equipos da entidade baixomiñota. Acude con asiduidade aos partidos da Sangriña e tamén adoita desprazarse ás citas fóra da casa, coma a Copa da Raíña e outras ocasións sinaladas cada ano, e comparte unha vinculación persoal co Club a través das súas fillas, que xogan nos equipos Cadete e Benxamín da base. Foi tamén por elas que, especialmente nas dúas últimas campañas, comezaba a colaborar tamén en pequenas tarefas organizativas sempre que a Xunta Directiva o precisaba, coma por exemplo a raíz do Sector Nacional e a final europea celebrados o pasado mes de maio. 

 O novo presidente recolle a testemuña de Jesús López con ilusión, aínda que con menos previsión da que lle tería gustado. O motivo principal que alega para terse ofrecido foi a falta de alternativas: “Non quería que o Guardés se acabase, e estabamos no derradeiro minuto e sen unha saída clara”, explica. Foi esa urxencia por loitar pola supervivencia do proxecto o que o levou a dar o paso: “Se hai que sacar isto adiante e podo colaborar, pois vou aportar o meu graniño de area”. 

 Son as mocidades do Club, ademais, outra das razóns polas que cre que merece loitar malia as dificultades, xunto co que significan estes equipos para o conxunto do pobo guardés. “Para min é importante que haxa unha base de balonmán na vila, non só polas miñas fillas”, indica, “e é unha mágoa que teñamos isto, que é tan grande en comparación co tamaño da Guarda, e que poida chegar a perderse”, engade, facendo referencia ao paradoxal e triste feito de que esta complicada situación chegue no mellor momento da historia da entidade a nivel deportivo. Ademais, Reyes consideraba importante cumprir co “certo compromiso” que había xa co cadro de persoal e o corpo técnico contratado para o vindeiro curso 2026/2027. 

 Nos próximos días, a nova cabeza directiva do equipo baixomiñoto dirixirase á afección con proximidade e honestidade para darse a coñecer mentres confecciona unha Xunta Directiva renovada coa que traballar man a man polo futuro próximo. Os seus obxectivos principais, con paciencia e coa asesoría da dirección anterior, xa pode avanzalos: “Facer isto sostible, sanealo do xeito en que podamos e mantelo dentro do posible no máis alto do balonmán español, que é onde merece estar”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario