O concerto de Laroá, pechará a programación de verán
• O sábado día 30 de setembro, ás 21:00 horas, na Praza do Reloxo
Infogauda / A Guarda
O grupo Laroá será o encargado de pechar a programación de verán o último día de setembro: o sábado 30, ás 21:00 horas na Praza do Reloxo, coa súa proposta de jazz-fusión orixinal.
O concerto que forma parte do programa MUSIGAL, da Deputación de Pontevedra, e que estaba previsto orixinariamente para o 18 de agosto, tivo que ser cambiado de data por mor da previsión meteorolóxica. Dese xeito, chegará neste momento para pechar a programación de verán 2023, cunha actuación que quere amosar as novas propostas da música feita en Galicia percorrendo novos estilos e apostando pola música de calidade
Esta formación musical - Laroá -, nacida a principios do 2016 caracterízase pola procura dunha fusión de música tradicional, jazz e ritmos tradicionais da Península Ibérica. Partindo principalmente das influenzas da música lusófona e de raíz, os seus integrantes, procedentes de distintas latitudes - Galicia, Cataluña, Detroit, París, Portugal, Ámsterdan – e cunha ampla traxectoria musical exploran novos horizontes musicais nunha viaxe sonora repleta de mesturas enchendo de matices as melodías, grazas ao uso dun amplo abano instrumental. O resultado está repleto de pinceladas jazzísticas, latinas, mediterráneas e tradicionais, para xerar un estilo tan propio e característico da formación que fai imprescindible acudir á cita do vindeiro 30 de setembro para coñecelo mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario