18 de set. de 2023

A GUARDA

O CENTRO SAN XEROME LIDERA A REDE TOOL LAB PARA A TRANFORMACIÓN DA CULTURA ORGANIZATIVA NO SECTOR DA DISCAPACIDADE  

A iniciativa está financiada polo Ministerio de Traballo e Economía Social a través do PERTE da Economía Social  


Representantes dos 7 centros de atención especializada á discapacidade intelectual; 2 provedores de servizos de consultoría para entidades da economía social; e a asociación empresarial galega da discapacidade, que participan no proxecto colaborativo liderado pola Asociación San Xerome Emiliani, de A Guarda


Asociación San Xerome Emiliani / A Guarda

 Promover un cambio radical nos modelos organizativos e de xestión das entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos a persoas con discapacidade. Este é o obxectivo principal de “TooL Lab: Think Tank de transformación da Economía social dos máis vulnerables”

 TooL Lab é un proxecto colaborativo liderado pola Asociación San Xerome Emiliani, de A Guarda (Pontevedra), que involucra a 10 organizacións de 4 distintas Comunidades Autónomas: Galicia, Canarias, Illas Baleares e País Vasco. Participan na agrupación 7 centros de atención especializada á discapacidade intelectual (SAN XEROME EMILIANI, ADISLAN, AMIPA, APROSCOM, ASPABER, EVD-GALICIA de Mos e Crecente), aos que se suman 2 provedores de servizos de consultoría para entidades da economía social (a cooperativa ALGALIA e a Fundación EDE) e a asociación empresarial galega da discapacidade IN-RED. O proxecto foi financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social na última convocatoria do PERTE da Economía Social.  

 TooL Lab nace en resposta á necesidade de definir un novo paradigma organizativo para as entidades do ámbito da discapacidade, que permita combinar a profesionalización do sector co mantemento da súa misión social e o desenvolvemento de relacións laborais baseadas na autonomía e autoxestión dos equipos e o benestar das persoas traballadoras. Con este obxectivo, a Rede TooL Lab proponse como un laboratorio (think tank) de estudo, análise, exploración e experimentación conxunta de 5 metodoloxías e ferramentas innovadoras de management: o paradigma TEAL, a metodoloxía AGILE, a TEORÍA U, a Sociocracia e Holocracia e a Comunicación Non Violenta.  

 As actividades prevén sesións de exploración e aprendizaxe conxunto entre os membros da Rede sobre cada unha das metodoloxías, sesións de formación presencial con facilitadores e expertos e sesións de aprendizaxe vivencial con entidades precursoras no País Vasco, en Cantabria, en Galicia e nas Illas Baleares.   

 A primeira das sesións de aprendizaxe vivencial levouse a cabo do 11 ao 13 de setembro en Bilbao e Santander, a través da visita á Fundación EDE e ao Grupo de restauración DeLuz, pionero na implementación do Paradigma TEAL en España. Participaron nestas sesións máis de 35 profesionais dos membros da agrupación. As actividades proseguirán con 3 xornadas de experimentación e difusión, que se celebrarán do 4 ao 6 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Estas xornadas estarán abertas a membros da agrupación do proxecto e a outras entidades da economía social que queiran sumarse á Rede TooL Lab. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario