CONSTITUÍDA A XUNTA DE GOBERNO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA QUE REXERÁ O FUNCIONAMENTO DA INSTITUCIÓN PROVINCIAL NOS VINDEIROS CATRO ANOS
Estará presidida por Luis López e, amais doutros sete deputados provinciais, serán vogais os vicepresidentes Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra que rexerá o funcionamento da institución provincial nos vindeiros catro anos acaba de quedar constituída. O órgano colexiado estará presidido por Luís López e, amais doutros sete deputados provinciais, participarán como vogais os vicepresidentes Marta Mª Fernández-Tapias Núñez e Rafa Domínguez Artime. “Todos os membros da Xunta de Goberno vimos de distintos puntos da provincia de Pontevedra pero únenos a provincia. Aquí estamos todos para dar o mellor de nós, para servir e para intentar mellorar a vida de todos os pontevedreses” remarcou o presidente.
A partir deste momento, cada venres ás 11:00 horas terán lugar as reunións en sesión ordinaria da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Xunto ao presidente e vicepresidentes, forman parte do órgano en calidade de vogais os deputados provinciais Roberto José Álvarez Carrero, alcalde de A Guarda; Mª Nava Castro Domínguez, alcaldesa de Ponteareas; Jorge Cubela López, alcalde de Cerdedo-Cotobade; José Carlos López Campos, alcalde da Estrada; Alejandro Lorenzo Alonso, alcalde do Porriño; María Pilar Ramallo Vázquez, alcaldesa de Marín; e Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona. Ademais, tamén integrarán a Xunta de Goberno o secretario da Deputación, Carlos Cuadrado, e o interventor, Antonio Graña, “aos que lles quero agradecer publicamente a súa colaboración nesta sempre complexa etapa e momento de traspaso de poderes”, subliñou o presidente.
A Lei 7/1985 de 2 de abril de Bases do Réxime Local ten establecido que a Xunta de Goberno se trata dun órgano necesario que debe existir en todas as deputacións provinciais. Segundo a citada lei, entre as súas competencias atópanse a asistencia ao presidente no exercicio das súas atribucións así como as que este delegue ou marquen as propias leis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario