27 de xul. de 2023

O ROSAL

O Concello do Rosal mellora nove camiños nas parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Tabagón   

Con case 97.000 euros de investimento, os asfaltados son parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra  

Máis de máis de 5.800m2 foron asfaltados nesta actuación    


Germán Fernández Rodríguez, concelleiro de Vías e Obras, nunha das zonas de actuacións de mellora 

Foto C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O concello do Rosal ven de realizar obras de melloramento en nove camiños das parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Tabagón, máis de 5.800m2 en total. Cun orzamento de case 97.000 euros, estes traballos foron financiados polo Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.    

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinalou que “estes traballos forman parte do proxecto que puxemos en marcha para a mellora progresiva dos camiños rosaleiros, garantindo o seu mantemento e recuperación, empezando por aquelas zonas que presentan un maior estado de deterioro e que son empregados con maior frecuencia pola veciñanza”. 

 As actuacións de mellora desenvolvéronse nos camiños da Chanqueira e as interseccións co Camiño do Xestal e coa Subida ao Picón, situados en Fornelos-As Cruces. En Pancenteo realizáronse obras no Camiño do Lavadoiro, na Transversal 1ª e no Camiño do Sestelo. No caso da parroquia de San Miguel Tabagón, as vías melloradas foron un tramo do Camiño da Cumieira, no Morán, e un tramo na rúa da Estrada, en Pías.  

 Estes traballos de limpeza e asfaltado das vías repararon o deterioro nas capas de rodadura, eliminando as irregularidades e fochancas e garantindo unha maior seguridade para os numerosos vehículos que utilizan estas estradas cada día.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario