A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ PRETO DE 4,5 M€ EN ACTUACIÓNS DE MELLORA E CONSERVACIÓN DOS ECOSISTEMAS MARIÑOS EN 620 HECTÁREAS DE ESPAZOS COSTEIROS PROTEXIDOS
• O Consello autorizou hoxe a encomenda dos traballos, que se financiarán con cargo ao Next Generation-UE e permitirá intervir de aquí ao ano 2026 en 12 espazos litorais baixo algún tipo de protección, na súa maioría zonas de especial conservación (ZEC)
• Por primeira vez intervirase en varias destas áreas costeiras de forma simultánea e cun horizonte plurianual, facendo máis efectivo e duradeiro o impacto das medidas
• Os traballos previstos inclúen a restauración de bosques de laminarias, coñecidas como as carballeiras dos fondos mariños, a recuperación de sistemas dunares ou o cultivo en viveiro da camariña, especie arbustiva desaparecida en parte da costa
• Estas actuacións enmárcanse nos principios inspiradores da futura Lei de ordenación e xestión integral do litoral, a primeira de España en regular a franxa costeira en toda a súa extensión para protexer os seus valores como sinal identitario de Galicia
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia investirá preto de 4,5 millóns de euros na execución dunha serie de actuacións destinadas a mellorar o estado de conservación do medio mariño e terrestre nunha ducia de espazos de especial protección da costa galega e, particularmente, naquelas zonas con hábitats prioritarios debido á presenza de especies de interese comunitario.
O Consello autorizou esta mañá a encomenda dos traballos, que se financiarán con cargo aos fondos do programa europeo Next Generation-UE e que encaixan, concretamente, na compoñente 4, destinada a apoiar proxectos de conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade.
A previsión é intervir en ao redor de 620 hectáreas (equivalentes a 620 campos de fútbol) localizadas en 12 espazos costeiros protexidos de Galicia, 11 deles zonas de especial conservación (ZEC) marítimo-terrestres. Concretamente, actuarase en: ría de Foz-Masma; costa da Mariña Occidental; Ortigueira-Mera; Betanzos-Mandeo; costa Ártabra; Carnota-Monte Pindo; Costa da Morte; complexo húmido de Corrubedo; complexo Ons-O Grove; costa da Vela; Baixo Miño —todas elas declaradas ZEC—; e illa de Cortegada, Malveiras e outras illas próximas, pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, da zona húmida de importancia internacional Ramsar e da área mariña protexida OSPAR.
Esta será a primeira vez que se interveña en Galicia en varias áreas costeiras protexidas de forma simultánea e os traballos, que comezarán a executarse este verán, terán un prazo de execución previsto de 34 meses que se prolongará ata o ano 2026, un horizonte temporal plurianual co que se logrará unha maior efectividade e duración no impacto das medidas aplicadas ao prolongalas no tempo e facer un seguimento.
En canto ás actuacións concretas, con carácter xeral realizaranse na zona de dominio público marítimo-terrestre das ZEC seleccionadas labores de limpeza e retirada de lixo en fondos mariños, áreas intermareais e litorais; control e eliminación de especies invasoras e de árbores alóctonas; medidas informativas e de sensibilización; reforzos poboacionais con especies autóctonas e controis periódicos dos espazos rexenerados, e medidas protectoras como a instalación de sinais costeiros e varandas de madeira.
Máis polo miúdo, unha das intervencións de maior relevancia prevista na encomenda será a restauración dos bosques de kelp ou laminarias (Laminaria ochrolenca), unha especie de carballeiras dos fondos mariños e para cuxa recuperación se aplicarán técnicas de sementeira a partir de xermoplasma de cepas de algas locais. Estas intervencións faranse na ría de Foz, Ortigueira-Mera, Betanzos-Mandeo, costa Ártabra, Carnota-Monte Pindo, Costa da Morte, Ons-O Grove e Costa da Vela.
Tamén cómpre subliñar os traballos de recuperación da camariña (Corema album) na Costa da Vela, Costa da Morte e Baixo Miño, unha especie arbustiva dunar desaparecida nunha parte do seu territorio orixinal polo que se impulsará o seu reforzo nestes espazos co cultivo ex situ (en viveiro) da especie para a posterior repoboación de dunas.
Precisamente os sistemas dunares, característicos de moitos espazos protexidos marítimo-terrestres do litoral galego, serán un foco de actuación prioritario no marco desta encomenda, con actuacións programadas para avanzar na restauración e protección destes ecosistemas en case todas as ZEC e medidas dirixidas a preservar a flora e fauna dunar, como por exemplo a píllara das dunas e outras aves mariñas.
Así mesmo, haberá outras intervencións específicas adaptadas ás características de certas zonas protexidas, como é o caso de Corrubedo, coa mellora de hábitats e a creación de refuxios para os morcegos, ou a ría de Foz, onde se realizarán labores de limpeza de lixo en zonas con presenza de brezais costeiros, hábitat prioritario 4040*.
Protección integral do litoral
O litoral é unha parte fundamental do patrimonio natural de Galicia e conforma moitos dos hábitats senlleiros da Comunidade. De aí a importancia de preservar a biodiversidade das nosas costas e a necesidade de actuar na defensa do patrimonio natural dos galegos coa recuperación dos seus diferentes tipos de ecosistemas.
Neste sentido, as actuacións que se executarán no marco da encomenda autorizada hoxe enmárcanse tamén nos principios inspiradores da futura Lei de ordenación e xestión integral do litoral de Galicia, a primeira en España en regular a franxa costeira en toda a súa extensión, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas, e que busca protexer e conservar os valores que integran estas áreas como sinal identitario da Comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario