ATLETISMO
EMILIA RODRÍGUEZ BAZ (MILU), REVALIDOU, POR SEXTO ANO CONSECUTIVO, O TÍTULO DE CAMPIOA GALEGA MÁSTER ABSOLUTA
• Na proba de 5.000 m. marcha, categoría Master 45 féminas
Infogauda / Deportes
Emilia Rodriguez Baz (Milu), a marchadora de A Guarda quere “compartir a alegría de facer dobrete esta fin de semana no Campionato de España mais un Campionato Galego, e subir a podio nas dúas probas” nas que participou.
“Revalidei o título de campioa galega Master absoluta por 6º ano consecutivo”, dixo Emilia Rodríguez Baz a Redacción de Infogauda.
O resumo das súas actuacións deportivas na pasada fin de semana, comeza no sábado día 3 de xuño, cando Emilia Rodríguez desprazouse co equipo absoluto do Club Atletismo Sada á localidade de Camargo (Cantabria) onde na pista de atletismo La Maruca se celebrou, en horario de tarde, o Campionato de España Clubs 2ª división, participando na proba de 5.000m Marcha, finalizando a carreira nun terceiro lugar cun tempo de 28:16 axudando ao seu club, que conseguiron unha 4ª clasificación nos campionatos.
E o domingo día 4, ás 10:00 h., no Estadio Municipal de Atletismo de Balaídos, a Marcha daba comezo ao Campionato Galego Master, onde Emilia Rodríguez Baz (Milu), do Club Atletismo Sada, volveu revalidar por 6º ano consecutivo o título de campioa galega Master nunha carreira na que competían homes e mulleres xuntos. Milu quedou 1ª absoluta, cun tempo de 28:15.14, un segundo por baixo do tempo do día anterior. A segunda clasificada foi María Herminia Grande Outomuro, do Ourense Atletismo, cun rexistro de 30:09.97, seguida por Mónica Figueiro Cabanas, do club Atletismo Ría de Arousa, cun tempo de 32:13.48. En 4ª posición entrou Sandra Bautista Martínez, da Sociedade Atlética do Trega, cun tempo de 37:38.90
Impresionante o esforzo feito por Emilia Rodríguez Baz (Milu), que nunha fin de semana participou en dúas competicións de marcha - facendo un total de 10.000 metros - e logrou sendos podios.
Parabéns Milu!
Ningún comentario:
Publicar un comentario