11 de maio de 2023

LUGO

Os Bolechas presentan un libro homenaxe a Francisco Fernández del Riego, creador do Día das Letras Galegas  

As dependencias da Caixa Rural de Lugo acolleron hoxe, 11 de maio, a presentación dun libro destinado a que as nenas e nenos galegos coñezan as obras e autores máis destacados da nosa literatura  

Arredor de 25 escolares do CEIP Sagrado Corazón asistiron á presentación do libro dos Bolechas dedicado ao escritor da Lourenzá 


Un momento da presentación dun novo título da colección As miñas primeiras Letras Galegas dos Bolechas, dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego

Foto: Cedida


Redacción / Lugo

 A Caixa Rural de Lugo acolleu hoxe, ás 11.30 horas, a presentación dun novo título da colección As miñas primeiras Letras Galegas dos Bolechas, dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado polo 17 de maio. Arredor de 25 alumnas e alumnos do CEIP Sagrado Corazón de Lugo participaron na presentación, ademais dos propios Bolechas, que recibiron e acompañaron aos escolares na cidade lucense.  

 Nesta aventura dos Bolechas, Braulio conta a odisea dos personaxes do libro Galicia de Fernández del Riego, impulsor do Día das Letras Galegas. No percorrido dos Bolechas por toda a xeografía, soben montañas e percorren vales e vilas coñecendo a riqueza da nosa terra, ao mesmo tempo que narran a biografía do autor. As andainas dos personaxes fan que a cativada se achegue á linguaxe e ao estilo do autor, do que tamén se ofrece unha pequena biografía no libro. As últimas páxinas inclúen un minidicionario con algúns termos para facilitar a comprensión do texto e completar a experiencia lectora da nena ou neno.  

 O presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, aproveitou a presentación para contarlle aos cativos que el tamén foi profesor. Ao mesmo tempo, quixo agradecer “o labor impagable que fan os Bolechas achegando a cultura galega aos máis pequenos a través do divertimento”, nas súas palabras. O presidente engadiu que é necesario este tipo de iniciativas para que o alumnado non se canse de escribir e “sigan facendo felices a nenos e nenas”. Igualmente, quixo agradecer á real Academia Galega que dedique este día tan prezado a “un lucense da Lourenzá, algo que é de xustiza, pois promoveu a cultura do noso país”, sinalou.  

 Ao acto tamén asistiron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Antonio Couto de Ediciones Bolanda; ademais de Manuel Varela, Jesús Méndez e José Manuel López; presidente, director xeral e director comercial de Caixa Rural Galega, respectivamente.  

 Este proxecto editorial, que conta xa con medio centenar de títulos, é unha realidade grazas á colaboración de entidades como a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación de Ourense, a Real Academia Galega e Caixa Rural Galega, entre outras.     

Coñecer a Francisco Fernández del Riego: 

 A boa acollida dos Bolechas é aproveitada para introducir grandes autores e obras da nosa literatura na infancia dun xeito divertido e disociado da escola e da aprendizaxe regrada, un valor engadido a todo este proxecto das Letras Galegas dos Bolechas. 

 Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010) é o autor galardoado polo 60º aniversario do Día das Letras Galegas 2023. Un 17 de maio de 1963, o escritor lucense presentou a idea de celebrar anualmente un día para promover a lingua e literatura galegas. Agora, é a Real Academia Galega e os Bolechas quen renden homenaxe ao editor, publicista, ensaísta, político e escritor dunha extensa produción literaria. Del Riego, foi tamén cofundador da editorial Galaxia e da revista Grial, presidiu a RAG e impulsou grandes iniciativas en prol da revitalización da cultura e identidade galegas. 

Os Bolechas para aprender e divertirse  

 Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 600 títulos publicados e máis de 1.800.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario