22 de maio de 2023

GALICIA

Persoal sanitario do CHUS e investigadores do IDIS traballan nun proxecto que ensina técnicas de RCP básicas e desfibrilación a escolares galegos entre 8 e 12 anos 

Arredor de 5.000 escolares de primaria e secundaria de toda Galicia, familias e docentes participan no premiado estudo ‘Aprendendo a reanimar na escola’ 


O proxecto está encabezado por Santiago Martínez-Isasi e Antonio Rodríguez Núñez, enfermeiro e médico investigadores do Grupo do IDIS SICRUS (Simulación, Soporte Vital e Coidados Intensivos) xunto a outros sanitarios do CHUS.

Fotos: IDIS


Rebeca Santomé / Santiago de Compostela

 As paradas cardiorrespiratorias e atragoamentos son algunhas situacións nas que os nenos poden salvar vidas. Os sanitarios de varios grupos do Complexo Hospitalario de Santiago e do IDIS traballan no proxecto de investigación "Aprendizaxe da RCP básica e a desfibrilación precoz nas escolas. Avaliación de estratexias innovadoras e interactivas adaptadas aos escolares”, galardoado co premio ‘Anais de Pediatría 2023’. O obxectivo do estudo é valorar a mellor maneira de ensinar técnicas de soporte vital básico e reanimación aos nenos, para ofrecer un programa formativo a escolares de primaria e secundaria efectivo. 

 O proxecto está encabezado por Santiago Martínez-Isasi e Antonio Rodríguez Núñez, enfermeiro e médico investigadores do Grupo do IDIS SICRUS (Simulación, Soporte Vital e Coidados Intensivos) xunto a outros sanitarios do CHUS. No seu estudo participaron máis de 5.000 escolares de entre 8 e 12 anos e inclúen a colaboración de todo o alumnado, familias, docentes e AMPAS, entre outros. “Pretendemos que sexa un traballo no que colabore a maior cantidade de persoas, que chegue á contorna dos nenos porque a transmisión ás familias é moi importante”, explican os sanitarios.  

 O premiado estudo “Aprendendo a reanimar na escola”, que recollerá o seu premio en xuño, contempla unha mostra de 658 alumnos de terceiro e quinto de primaria, e primeiro curso de ESO de tres colexios concertados de Galicia. Os alumnos recibiron formación en soporte vital básico con técnicas RCP por parte dos seus profesores de Educación Física, para daquela ser avaliados mediante un test teórico e unha proba práctica que mide a calidade das compresións torácicas.  

 Dende o Servizo de Pediatría do CHUS, son conscientes de que os nenos salvan vidas, pero agora necesitan saber como ensinarlles de maneira que reteñan a información. Actualmente, o proxecto atópase en fase de recompilación de datos con perspectivas de crear un videoxogo. “En troques de darlles unha charla, hai que ensinar técnicas de soporte vital básico ao alumnado de forma interactiva”, sinalan os investigadores.  


Os alumnos recibiron formación en soporte vital básico con técnicas RCP por parte dos seus profesores de Educación Física

 Entre as actividades formativas, deseñaron un “libro pregable sen fin” e un cubo de rubik interactivo co que os nenos poden aprender os pasos dunha RCP básica, ao mesmo tempo que xogan e se divirten. Por outra banda, tamén crearon un ‘LocoMan’, un maniquí de baixo custo elaborado de forma caseira polos nenos, que implica ás materias de Ciencias Naturais, Plástica, Educación Física e ás familias. 

Os profesores ensinan mellor a RCP que os médicos  

 Entre as conclusións do estudo, indícase que os docentes son os máis preparados para formar aos nenos en materia de soporte vital, por encima de calquera médico ou sanitario. “Os profesores levan ensinando toda a súa vida, son os máis indicados”, explica o doutor Rodríguez Núñez. Desta forma, un programa formativo de dúas horas, impartido polos profesores de Educación Física, contribúe a mellorar a capacidade dos nenos menores de 13 anos para recoñecer unha situación de emerxencia e iniciar as compresións torácicas, aínda que posiblemente as súas características físicas non lles permitan realizar correctamente a manobra. De momento, descoñécese o alcance real do estudo, pero si saben que estas accións formativas axudaron a salvar vidas en casos particulares. 

 Para coñecer máis información sobre as actividades do grupo sanitario pódese acceder ao seu perfil de Twitter ou entrar na páxina web do IDIS. 

Máis información sobre o IDIS  

 O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa dende o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1213 investigadores, 106 grupos de investigación, 43,5 M€ de fondos captados no último ano, ol IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario

Ningún comentario:

Publicar un comentario