20 de maio de 2023

A GUARDA

ANXO LOIS BAZ: “É O MOMENTO DE QUE O  BNG LIDERE O GOBERNO DA GUARDA PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DA VECIÑANZA”   


Anxo Lois Baz Vicente - no centro -, candidato á alcaldía, con Mª Mercedes Martínez (Merchi), Néstor Rego, Beatriz Lomba (Bea) e Álvaro Lamas, esta tarde no mitin central do BNG na Alameda de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O candidato á alcaldía da Guarda polo BNG, Anxo Lois Baz Vicente, comprométese “a traballar na defensa dos intereses da Guarda liderando o vindeiro goberno municipal para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.  

 O nacionalista manifestou: “Queremos  construír  a Guarda do futuro e sacala  do estancamento que padece. Por iso apostamos por un concello amigo, que escoite,  próximo aos intereses e preocupacións da veciñanza. Se o BNG foi clave na reforma integral do pavillón, queremos ser os actores principais na transformación do mercado municipal, da piscina, da biblioteca, do conservatorio”.  


Anxo Lois Baz Vicente, candidato do BNG á alcaldía de A Guarda, nun momento da súa intervención

Vista da afluencia de público ao mitin do BNG

Beatriz Lomba (Bea), responsábel do BNG de A Guarda e candidata á concelleira
Álvaro Lamas Baños, membro da candidatura do BNG 
Mª Mercedes Martínez (Merchi), candidata á reelección como presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos

 

 Entre as moitas propostas que foi debullando ao largo da súa intervención afirmou “precisamos con urxencia  un goberno que estableza como unha prioridade a comunicación da Guarda con Caminha  e traballe con decisión ata conseguilo”.  

 Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso erixe “a Anxo Lois Baz como o futuro alcalde que precisa o concello da Guarda e sinala que o equipo do BNG está preparado para liderar o vindeiro goberno municipal, permitindo así, desenvolver políticas verdadeiramente transformadoras que muden, en positivo, a vida da xente”. 

 “Queremos estender e mellorar os servizos públicos, temos esa vocación, e mesmo queremos dotar de máis recursos o concello para mellorar a calidade da vida da xente” salienta Rego.  


Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso

 Mais, para este obxectivo, Néstor Rego explica que o grupo municipal do BNG no Concello da Guarda non só contará co apoio dos concelleiros nacionalistas, senón co apoio “de toda a organización do BNG que xa ten experiencia e proxectos municipais consolidados”. “A marca de concellos BNG é unha marca de prestixio dentro do proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do País e que cumpre con todo aquilo co que se compromete”, reivindica o deputado do BNG no Congreso.   

 Unha organización da que tamén pon en valor o traballo realizado no Congreso que, grazas ao traballo do conxunto da militancia do BNG, “non existe problema nin solución que o BNG non levara á cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado que atenda as necesidades do País”. Neste sentido, Rego destaca “o papel da formación nacionalista no Congreso, defendendo de maneira incansábel os intereses dos galegos e galegas, así como das maiorías sociais e as clases populares”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario