22 de maio de 2023

PONTEVEDRA

AREEIRO ADVIRTE DA APARICIÓN DOS PRIMEIROS SÍNTOMAS DE OÍDIO NAS VIÑAS E RECOMENDA INCLUÍR O PATÓXENO NOS PLANS DE TRATAMENTO 

O Centro Fitopatolóxico da Deputación anima a incrementar a vixilancia do mildio ante a incerteza meteorolóxica xa que verase favorecido se as temperaturas son elevadas e se producen chuvascos. Neste caso habería que renovar as intervencións


Follas de videira con mildio
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario que advirte da aparición dos primeiros síntomas de oídio nas viñas e recomenda incluír o patóxeno nos plans de tratamento. Tamén anima a incrementar a vixilancia do mildio ante a incerteza meteorolóxica xa que verase favorecido se as temperaturas son elevadas e se producen chuvascos. Igualmente a EFA recomenda revisar as viñas ante o black rot a pesar de que non se observaron manchas.  

 Os primeiros síntomas do oídio veñen de aparecer nunha folla de albariño da rede de seguimento habitual de Areeiro. Esta aparición, que o pasado ano detectouse a mediados de xuño, implica comezar a tratar a viña cunha aplicación antioídio, tendo en conta ademais que os grans están recentemente formados e hai que protexelos do patóxeno.  

 No que respecta ao mildio o ambiente seco das semanas anteriores tivo reflexo na captura de esporas, que baixou sensiblemente dos valores superiores ou próximos a 100 que se tiñan recollido.  Deste xeito nas observacións realizadas a pasada semana non se atoparon síntomas novos nas follas ou nos acios e os predios visitados pola EFA observaron algunha mancha illada. Sen embargo veñen de ser detectadas xa algunhas manchas novas polo que o centro dependente da Deputación anima a incrementar a vixilancia tendo en conta, amais, a incerteza meteorolóxica xa que o mildio verase favorecido se as temperaturas son elevadas e se producen chuvascos. Neste caso habería que renovar as intervencións tendo en conta que o período de floración-formación do froito é unha fase extremadamente sensible no ciclo da viña.  

 No referente a black rot, a pesar de que tampouco se observaron manchas deste fungo, é conveniente manter unha vixilancia debido a que a uva recentemente formada é moi sensible a este patóxeno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario