31 de dec. de 2024

A GUARDA

O BAÑO DE FIN DE ANO NA PRAIA DE AREA GRANDE, UNHA TRADICIÓN MOI GUARDESA






Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Nun día solleiro como vimos desfrutando desde fai varias xornadas, a praia de Area Grande acolleu este 31 de decembro como vén sendo tradicional  -,  o baño de Fin de Ano. Unha costume que provén desde fai varias décadas, e que cada ano rexistra unha importante afluencia de persoas de A Guarda e súa contorna. Son mulleres, homes, nenos e nenas de diversas idades, que sempre que poden, acuden nesa data a darse un baño nas salutíferas augas da praia Area Grande. Dese xeito, continúan lembrando aos pioneiros desa tradición, entre os cales están os actuais compoñentes da Pena do Cemento, e por suposto, todas aquelas persoas que pertenceron a ese colectivo e que, por imperativos dos respectivos ciclos vitais, xa forman parte da memoria de todos os que os coñeceron na súa etapa existencial. Moitas desas persoas adoitaban bañarse nas augas oceánicas da devandita praia, todos os días do ano, pero de xeito especial na mañá do 31 de decembro.

 Estamos referíndonos a unha tradición moi guardesa que non precisa nin convocatoria nin invitación. E por certo, algunhas persoas que por motivos diversos residen fora da nosa vila, reservan a data do 31 de decembro para desfrutar do baño na praia de Area Grande, na compaña de amizades e familiares, nun ambiente moi positivo e vitalista. 

 Con toda probabilidade, o inesquecible don Álvaro Cunqueiro - ao que no seu día este cronista sendo un adolescente, viu pasear pola beira da praia de Area Grande -, sentirase feliz ollando desde o alén, como cada 31 de decembro se renova a tradición do baño de Fin de Ano nesa praia tan fermosa na que él puido sentir, se cadra, a inspiración para algúns dos seus relatos fantásticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario