O Camiño Portugués da Costa bate todos os récords con case 75.000 peregrinos en 2024 e máis de 32.000 persoas aloxadas no albergue de Vigo desde 2021
• A delegada da Xunta, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fan balance dun “ano histórico” para Vigo
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixeron este luns balance dun “ano histórico” para o Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. Segundo explicaron os representantes autonómicos, o itinerario costeiro entre Porto e Santiago de Compostela acadou os 74.695 peregrinos, un 41,5% máis que en 2023 (52.754 persoas), o que supón o 15% do total das rutas xacobeas ao seu paso por Galicia.
Durante unha visita ao Albergue Público de Peregrinos “Juan Manuel López Chaves” para saudar aos camiñantes, Ortiz e Merelles destacaron tamén que ata este luns pasaron polas súas instalacións 11.156 peregrinos, fronte aos 10.945 que se aloxaron en 2023. No ano 2022 foron 7.950 e en 2021, ano no que se inaugurou o albergue, a cifra chegou a 1.950, o que fai un total de 32.001 persoas.
Así, a delegada da Xunta destacou o acerto do Goberno galego cando decidiu investir 1,8 millóns de euros para dotar á cidade do seu primeiro albergue público no Casco Vello. “Na recuperación do barrio histórico do Berbés ten moito que ver a decisión que tomamos para a rehabilitación de dous edificios nun lugar emblemático para aloxar aos peregrinos”, sinalou.
Na mesma liña de promoción do itenerario lembrou o éxito da primeira edición da Etapa Popular Camiño da Costa por Vigo, unha iniciativa celebrada o pasado 30 de xuño cunha gran afluencia para participar no percorrido polo tramo da peregrinación xacobea que atravesa o municipio vigués. “Por desgraza, e a pesar das promesas, Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non ten a ruta sinalizada e a iniciativa estivo encamiñada a amosar o itinerario”, sinalou Ortiz.
Tamén recordou o apoio da Xunta de Galicia para mellorar e reforzar o patrimonio deste itinerario coa liña de axudas específica para proxectos no Camiño de Santiago por máis de 5 millóns de euros, do que foron beneficiarias iniciativas como o futuro hotel e restaurante do Mosteiro de Oia, ou tamén o restaurante e hotel nos faros grande e pequeno de Cabo Silleiro, así como un establecemento de aloxamento turístico na cidade de Vigo.
Máis internacional, desestacionalizado e diversificado
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixo balance do volume de peregrinos que fixeron o Camiño en 2024 poñendo en valor tres cuestións de gran importancia turística que definiron o seu comportamento nos últimos doce meses: a internacionalización, a desestacionalización e a diversificación dos distintos roteiros.
Así, Xosé Merelles salientou que este ano percorreron o Camiño 498.782 peregrinos confirmando un ritmo de crecemento do 12%. Deste total, o 58% son de orixe internacional -case 3 puntos máis que en 2023- destacando sobre todo os camiñantes de Estados Unidos que por segundo ano consecutivo lideran o ranking de países estranxeiros con 38.034 peregrinos. Séguelle Italia, Alemaña, Portugal, Reino Unido, Francia, Irlanda, México, Corea e Canadá. Entre os peregrinos españois, a Comunidade autónoma da que proveñen máis peregrinos é Andalucía, seguido por Madrid, Comunidade Valenciana, Cataluña e Castela A Mancha.
No apartado da desestacionalización, o director de Turismo de Galicia subliñou que a suba de peregrinos concéntrase nos meses de temporada media e baixa, con crecementos do 19,1% en maio, 12,6% en xuño e 12,3% en novembro. Destacan tamén os incrementos do 9,8% en xaneiro do 9,5% en setembro e do 6,3% en febreiro.
Finalmente, Xosé Merelles destacou a diversificación dos distintos roteiros salientando que pese a que o Camiño Francés segue a ser o máis percorrido co 47,38% dos peregrinos, este perde peso con respecto a 2023, concretamente case 2,5 puntos.
Destaca sobre todo o comportamento do Camiño Portugués da Costa, cuxo peso medra un pouco máis de 3 puntos, pasando de representar preto do 12% dos peregrinos en 2023 a case o 15% en 2024. “É moi salientable -dixo- o incremento de camiñantes neste roteiro con respecto a 2023 que medra o 41,57%, sendo o Camiño que experimentou o maior incremento de peregrinos neste 2024”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario