A VISITA GUIADA Á IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE A GUARDA, RESULTOU UNHA GRATA EXPERIENCIA
• Foi organiza por ANABAM, coa colaboración do párroco
Fotos: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Organizada pola activa Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), na mañá deste sábado día 27 de maio de 2023, tivo lugar unha visita guiada á igrexa parroquial de Santa María de A Guarda.
A visita, que foi conducida por Antón Ferreira Lorenzo, e que contou coa participación de un grupo de persoas de A Guarda e súa contorna, comezou ás 10:30 horas, diante da que foi a primitiva porta de acceso principal ao templo parroquial, onde o guía deu cumplida información sobre esa antiga entrada, presidida por unha imaxe pétrea da Asunción da Virxe María. Asemade referiuse tamén ao brasón do bispo Diego de Torquemada e tamén ao altorrelevo pétreo que representa un barco desarborado, que está considerado como á mais antiga representación heráldica do concello de A Guarda coñecida ata agora.
Pola súa proximidade co templo, o guía indicou á ubicación dun petróglifo da Idade do Bronce, localizado (Latitude: 41.9019216936 - Lonxitude: -8.87382030487) preto do atrio da igrexa, e que representa unha espiral. Amosa un evidente grao de deterioro e desgaste, pois estivo exposto á diversos tipos de agresións, entre eles o paso continuo de vehículos.
Antón Ferreira falou tamén das vicisitudes acontecidas en relación á construcción da igrexa primixenia - máis pequena que á actual -, así como de varios detalles de interese como o alpendre - que cubría á antiga entrada á igrexa - que daba ao Eirado, e que con posterioridade, ao longo de moitos anos tamén foi coñecido como Transversal da igrexa e desde fai tempo chámase rúa Agustín Nandín Lomba, en lembranza do crego pertencente a unha coñecida familia guardesa, que sendo prior da Irmandade do Clamor, xestionou a consecución dunha reliquia de Santa Trega, procedente da Catedral de Tarragona.
A visita guiada permitiunos coñecer á autoría do mestre canteiro que dirixiu ás obras de ampliación da igrexa parroquial, así como algunhas marcas epigráficas que nos informan do ano de finalización das obras, e mesmo á altura da torre campanario.
A continuación, guía e visitantes, accederon ao interior da igrexa, coñecendo de preto o rico patrimonio artístico que nela se conserva, constituído fundamentalmente por retablos, imaxes sacras, pinturas ao fresco, brasóns pétreos,...
Capela a capela, imaxe á imaxe, Antón Ferreira foi debullando un soberbio coñecemento deses bens, destacando detalles que a simple vista pasan desapercibidos para a gran maioría das persoas que acceden a ese lugar de culto, situado preto do casco antigo da vila, en pleno Camiño Portugués da costa, que día a día é transitado por peregrinos procedentes de todo o mundo. Dese xeito, os visitantes puidemos coñecer moitas das características dese patrimonio, entre elas, súa procedencia, época de realización. patrocinadores, artistas, etc..
A verdade é que grazas á colaboración do párroco Juan José González Estévez, que deu todo tipo de colaboración, facilitando a realización dese evento cultural, e á iluminación que permitiu unha axeitada apreciación do patrimonio; así como de Fernando, colaborador parroquial; á visita - duns 90 minutos de duración - foi unha experiencia moi grata e inesquecible.
Desde este xornal dixital transfronteirizo, suxerimos que esa experiencia poida realizarse nunha vindeira oportunidade, pois sabemos que algunhas persoas non puideron asistir por estar cuberto con antelación, o cupo de participantes establecido.
Asemade sería moi de agradecer á edición e publicación dunha guía na que se recolla todo o moito que Antón Ferreira Lorenzo, ao longo de anos de investigación logrou coñecer, e que de xeito totalmente altruista nos ofreceu nesta primeira visita que tanto ben nos fixo.
Beizón por tanto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario