28 de maio de 2023

A GUARDA

A CIDADANÍA GUARDESA DECIDIU QUE O PARTIDO POPULAR VOLTASE A GAÑAR ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

 A candidatura liderada por Roberto José Álvarez Carrero logra un novo trunfo electoral


Roberto José Álvarez Carrero, candidato á alcaldía de A Guarda


Infogauda / A Guarda

 Logo do proceso previo (asembleas de afiliados, procura de candidatas/os, elaboración de candidaturas, presentación das mesmas diante da xunta electural de zona, redacción de programas, proclamación das candidaturas, realización da campaña electoral, estratexias de comunicación social,...), chegou o día 28 de maio de 2023, data na que o electorado, facendo uso do seu lexítimo dereito democrático, acudiu a votar. E fíxoo, como ven sendo habitual, cívicamente e con total normalidade. En paz, que é o mellor xeito de expresarse. E con vontade de contribuir a lograr, que entre todos os candidatos electos, fagan todo o humanamente posible para que os concellos leven a bo termo, ao longo dos vindeiros catro anos, todas aquelas propostas que sexan útiles para á maioría social, fixando unhas prioridades e atendendo ás necesidades máis urxentes, entre elas, o acceso á vivenda. Un dereito constitucional, ao que aspiran lexitimamente moitas persoas e que no concello de A Guarda - malia a existiren 1.700 vivendas desahabitadas, segundo fontes municipais - continúa a ser un problema para un número importante de cidadáns.

 Centrándonos na xornada deste 28M, superada a fase das "quinielas" previas, que a xeito de sondaxe popular viñan circulando entre parte da sociedade civil, e que indicaban unha tendencia determinada, os resultados finais, con carácter provisional, toda vez que ainda quedan por escrutar os votos emitidos por correo, son os seguintes:

Partido Popular:    

2.365 votos (8 concelleiras/os)

Bloque Nacionalista Galego:  

1.474 votos (5 concelleiras/os)

Partido Socialista de Galicia - PSOE:  

1.175 votos (3 concelleiras/os)

Espazo Común:  

469 votos (1  concelleiro)

Análise dos resultados escrutados

 Á vista dos apoios acadados por cada candidatura, unha primeira lectura dos resultados indica:

1º.- Que o ata agora grupo maioritario - Partido Popular - da corporación municipal,  ainda que ao longo do mandato que vén de rematar, non fixo - en opinión de moitas persoas consultadas por esta redacción - un labor de oposición como cabía agardar; este 28M recolleu un apoio de 2.365 electores. Tendo en conta que en 2019, o Partido Popular acadara 1.799 votos, todo indica que os electores que fai catro anos apoiaran á candidatura de Ciudadanos, que lograra 265 votos,  e os 22 que lle deran o apoio á candidatura de Gestión Democrática, encabezada por Xermán Cordero Verde, desta vez, optaron por apoiar á candidatura do Partido Popular.

 Asemade, queda perfectamente claro, que o Partido Popular conta na Guarda cun electorado fiel.

 .- Que o BNG, que fai catro anos quedara en 3ª posición, en canto a número de votos, logrando 5 concellarías - 2 máis que en 2015, as mesmas que en 2019 perdeu o PSdeG-PSOE, que ostentaba o goberno municipal -, nesta ocasión, malia o cese (en setembro de 2019) dun concelleiro que, segundo opinións recollidas por esta redacción, xa non debera haber sido candidato (se por circunstancias profesionais súa intención non era exercer como membro da corporación municipal ao longo de todo o mandato); e, por outra banda, o feito de deixar o BNG de formar parte do goberno bipartito, inmediatamente despois das protestas veciñais en relación a rúa Concepción Arenal, logrou varios acertos. Entre eles, á incorporación dunha persoa - actualmente xubilada - de longa e públicamente moi ben valorada traxectoria profesional na nosa localidade. Tamén se considera un acerto, a entrada doutro profesional en exercicio, que está en contacto diario con moitas persoas.  Dese xeito, sumado a participación nas mobilizacións sociais (entre elas, en defensa da sanidade pública), esa candidatura fíxose con votos de diferentes sectores poboacionais (e tamén do electorado descontento co ata agora grupo de goberno) vánlle permitir ao BNG manter o número de concelleiros/as e pasar de ser á terceira forza política, a ser á segunda. Por iso, sen acadar os resultados que a formación nacionalista consideraba que podería obter nesta ocasión, a candidatura que encabeza Anxo Lois Baz Vicente sae mellor parada que a candidatura do PSdeG-PSOE, xa que esta perde dous concelleiros. 

 Outra posible lectura, respecto ao mantemento do número de escanos - que non de votos, xa que en 2019 o BNG acadara 1.511 votos, e neste 2023 obtivo 1.474 - poida que se deba a que algúns dos 150 electores que en 2019 apoiaron a candidatura de En Marea, esta vez tal vez fixeráno a prol da candidatura nacionalista.

3º.- Que a candidatura presentada pola formación (PSdeG-PSOE) que ata agora ostentaba a responsabilidade de goberno municipal en minoría (5 concelleiros/as dun total de 17), acadou 1.175 votos,  resultados  sensiblemente inferiores aos obtidos en 2019, en que lograra 1.595 votos.

 Na opinión dunha parte da veciñanza, a baixada do PSdeG-PSOE víñase vir, xa que a candidatura encabezada por Antonio Lomba Baz non xerou atractivo suficiente no electorado - malia á incorporación dalgúns candidatos politicamente inéditos -, toda vez que varias persoas xa formaran parte de gobernos municipais precedentes, e xa tiñan esgotado - segundo referencias orais recibidas nas semanas previas ao 28M - o seu ciclo, e ainda así, voltaron a formar parte da candidatura. Un erro táctico cuxas consecuencias á vista están.

4º.- No que respecta á candidatura Espazo Común encabezada por Celso Rodríguez Fariñas (en 2019 liderou á candidatura de Converxencia Galega), o resultado vén a confirmar que un sector do electorado de A Guarda voltou a ter en conta o labor realizado por ese concelleiro en diferentes ámbitos (cultural, deportivo, municipal, social, veciñal,...), o que unido á incorporación da candidatura de persoas cun axeitado perfil, tivo como resultado que a formación Espazo Común conte con representación na vindeira corporación municipal de A Guarda. 

 Dito todo o anterior, evidentemente, o que vai importar, a partires de agora, logo das posibles reunións que as formacións políticas que acadaron representación, leven, se o estiman oportuno, é a configuración do goberno municipal.

 Como queira que ningunha candidatura acadou a maioría absoluta, o próximo alcalde de A Guarda ainda non se pode anunciar. Haberá que agardar ao momento oportuno para facelo. En todo caso, á cidadanía pronunciouse de forma ben explícita.

 Salvo variacións, que poidan vir motivadas polos votos emitidos por correo, a próxima corporación municipal estará formada polos seguintes grupos políticos e persoas, respectivamente:

Partido Popular

1. Don ROBERTO JOSE ALVAREZ CARRERO 

2. Don OSCAR ALONSO ALVAREZ 

3. Doña MARIA VANESA ALONSO GANDARA (Independiente) 

4. Don ISIDRO LOMBA LORENZO 

5. Doña SUSANA ALVAREZ CASTRO 

6. Don FERNANDO REYES GONZALEZ 

7. Don ANXO PENA PEREZ 

8. Don ASER ESTEVEZ CIVIDANES

Bloque Nacionalista Galego

9. Don ANXO LOIS BAZ VICENTE 

10. Doña BEATRIZ LOMBA RODRÍGUEZ 

11. Don RODRIGO PACHECO ALONSO

12. Doña NURIA VÁZQUEZ RODRÍGUEZ 

13. Don XOSÉ MANUEL MÉNDEZ DÍAZ

Partido Socialista de Galicia - PSOE

14. Don ANTONIO LOMBA BAZ 

15. Doña MARIA MONTSERRAT MAGALLANES ÁLVAREZ 

16. Doña FÁTIMA RODRÍGUEZ MARCOS

Espazo Común

17. DON CELSO JUAN RODRIGUEZ FARIÑAS

Ningún comentario:

Publicar un comentario