27 de maio de 2023

A GUARDA

O albergue da Guarda deu aloxamento a case 16.000 peregrinos desde 2010


 Grupo de scouts italianos que fixeron o Camiño Portugués da costa, nun descanso na Alameda da Guarda

 


Antón Ferreira  / A Guarda


 O albergue de peregrinos da Guarda acolleu, desde a súa apertura en 2010 e ata o día de hoxe, a 15.829 peregrinos que fixeron o Camiño Portugués da Costa e decidiron durmir neste aloxamento municipal, cifra que sería moito maior se a Covid non obrigase a pechar o albergue practicamente todo o ano 2020 e a metade de 2021, reducíndose no ano 2021 a súa capacidade a case un terzo do aforo por cuestións sanitarias. A esta cifra de más de 15.800 peregrinos habería que engadir aqueles outros que optaron por aloxarse nos diferentes establecementos hoteleiros da localidade e os que se decidiron polo albergue privado O Peirao.


 O Albergue da Guarda deu durmida a peregrinos de diferentes nacionalidades; peregrinos que chegaron desde as terras de Rusia ás da República de Sudáfrica; desde Canadá a Xapón. Desde grandes países, como Estados Unidos ou Rusia, a pequenas illas perdidas no Índico, como San Mauricio. Peregrinos, tamén, de diferentes culturas ou crenzas: cristiáns e agnósticos; árabes e correntes filosóficas orientais que procuraban a espiritualidade que se pode atopar no Camiño; aqueles que facían o Camiño buscando coñecer “que é iso do Camiño”, e aqueloutros que só trataban de ver paisaxes diferentes ou outros lugares da forma máis económica, porque no Camiño cabemos todos.


 Todos conviviron e compartiron –conviven e comparten- experiencias persoais ou menos privadas. Falaron –e falan- dos motivos que lles impulsaron a facer o Camiño; prestáronse –e préstanse- mutuo apoio, compartiron –e comparten- mesa e mantel e se intercambiaron –e intercámbianse- pratos típicos das distintas rexións ou países. Fixéronse fotos uns cos outros, e facilitáronse, entre eles, os enderezos electrónicos para continuar o contacto.


 O Albergue da Guarda foi unha parte do encontro entre peregrinos que comezaron aquí unha relación amigable que, sen dúbida, se prolongará no tempo, máis alá de Santiago de Compostela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario