Desplante dos partidos políticos de A Guarda ás familias FOGARES SANXE
As familias promotoras do proxecto FOGARES SANXE, liderado pola Asociación San Xerome Emiliani de A Guarda, indignadas pola demostración de indiferenza dos políticos locais
Asociación San Xerome de A Guarda
As familias das persoas con diversidade intelectual usuarias da Asociación San Xerome de A Guarda, estupefactas, non dan crédito ante a desconsiderada non aparición da maioría dos grupos políticos integrantes da Corporación local do Concello de A Guarda ante unha petición de audiencia.
O pasado venres 5 de maio, o presidente da Asociación San Xerome, Emilio Álvarez, presentou no rexistro do Concello de A Guarda, en nome das 180 familias da Asociación, unha comunicación solicitando unha reunión con todos os grupos políticos da Corporación Municipal, para falar do proxecto FOGARES SANXE.
FOGARES SANXE é un proxecto residencial innovador para persoas con discapacidade intelectual, que proporcionará a 60 delas un fogar onde poder vivir de forma autónoma e independente, cos apoios profesionais necesarios.
O propósito da reunión por parte das familias era coñecer o grao de apoio ao proxecto de cada un dos grupos políticos, e o seu compromiso para impulsar o avance do mesmo, neste momento retardado pola falta de axilidade na toma de decisións e posta en marcha de actuacións determinantes por parte da Administración local.
A incrible e inaceptable sorpresa chega cando, na mañá do día 10 de maio, á hora confirmada polo alcalde para a realización da reunión, as 11 persoas representantes dos órganos de goberno de San Xerome (xunta directiva, consello reitor, ANPA), acompañadas por 5 profesionais do equipo técnico do proxecto, preséntanse no Concello para atoparse e dialogar cos grupos políticos convocados, e atópanse co alcalde comunicándolles que a maioría dos grupos políticos non comparecerán na reunión, incluído o seu propio.
O único partido político asistente, foi o Partido Popular, que mostrou o seu apoio ao proxecto e o seu compromiso coas familias para impulsar as actuacións necesarias para sacalo adiante. O resto de grupos políticos, PSOE, BNG e CG non se dignaron a aparecer.
Toda a comunidade San Xerome, integrada por 2.500 persoas socias, non sae do seu asombro ao comprobar como os seus representantes políticos non recoñecen a importancia dun proxecto social de interese xeral e utilidade pública como FOGARES SANXE, xerador de riqueza e oportunidades para o territorio; que supón a creación de fogares sen desarraigamento para 60 persoas con discapacidade intelectual da comarca; que mellora a calidade de vida e oportunidades sociais de máis de 180 das familias máis vulnerables do territorio; con máis de 7 millóns de euros de investimento no Concello de A Garda, e máis de 2 millóns de euros procedentes de fondos europeos NextGenerationEU conseguidos para investir na Guarda, cun compromiso de execución moi estrito nos anos 2023, 2024 e 2025, e con risco de perderse de non conseguir os apoios necesarios por parte do Concello; xerador de máis de 30 empregos estables directos e 12 indirectos; que garante máis do 2% da poboación fixada no territorio, e que permite rehabilitar e humanizar un edificio histórico-patrimonial de gran valor etnográfico para a vila de A Guarda.
É posible que os nosos políticos non consigan ver o que si ve todo o resto da poboación do territorio, con máis de 5.000 persoas apoiando incondicionalmente o proxecto, a través das distintas campañas de impulso organizadas?
Estes son os políticos que, a partir do venres 12 de maio, van “vendernos” o seu amor polo territorio, polo seu desenvolvemento e por poñerse ao servizo dos cidadáns e cidadás, cando o que fan é darlles as costas e un inaceptable desplante a unha representación das familias máis vulnerables?
Éticamente é algo que non se pode consentir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario