14 de abr. de 2023

VIGO

Desconvocan a folga de Povisa tras preacordo de convenio a dous anos cunha suba salarial do 4% e do IPC  

 A asemblea de traballadores/as do hospital vigués deulle o visto bo ao pactado pola mañá entre o comité e a dirección  


A folga prevista para este luns no hospital Ribera Povisa de Vigo fica finalmente desconvocada tras o preacordo de convenio colectivo asinado hoxe

Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 A folga prevista para este luns no hospital Ribera Povisa de Vigo fica finalmente desconvocada tras o preacordo de convenio colectivo asinado hoxe entre o comité de empresa e a dirección, que contempla unha suba salarial do 4% para este ano e do IPC real para 2024. 

 As partes negociaron dende as 10:00 horas de hoxe coa convocatoria de folga enriba da mesa e lograron achegar posturas en cuestións importantes, marcándose de prazo até o 31 de decembro para pechar o convenio na súa totalidade. 

 O documento foi ratificado na asemblea de traballadores/as que tivo lugar ás 15:00 horas, facendo posible a desconvocatoria do paro previsto a partir do luns. A representación sindical logrou unha redución da xornada ao incluír a media hora de bocadillo como tempo efectivo de traballo, de igual xeito que o tempo que emprega o persoal de enfermaría no cambio de quenda (establecéndose un máximo de 15 minutos de tempo efectivo de traballo). 

 Tamén se implementou un coeficiente redutor polo traballo nocturno de dúas horas por noite, cun máximo de 60 noites. En canto ás melloras salariais, incrementouse o plus de festivos e domingos de 21 a 33 euros, e as noites do 24 e do 31 de decembro (e partir do acordo tamén a do 5 de xaneiro) pagaranse a 140 euros máis o plus de festivos (173 euros en total). Ademais, o persoal que traballe nalgunha destas datas terá dereito a un día libre.  

 Outras das melloras teñen que ver coa introdución da carreira profesional, co establecemento da ultraactividade do convenio e co mantemento do plus de riscos para os novos/as traballadores/as, que a empresa pretendía eliminar. 

 Dende a CIG-Povisa valoran positivamente o acordo e inciden no feito de que tras unha semana de mobilizacións lideradas pola central sindical, que preside o comité, “logramos máis melloras que nos dous anos anteriores”. Neste senso, salientan a implicación do cadro de persoal na defensa dos seus dereitos laborais e apelan a continuar incidindo na dignificación das condicións de traballo do conxunto dos empregados/as do centro hospitalario.


A FGAMT-CIG gaña as eleccións na empresa de conxelados Procsa, de Vigo, a primeira vez que presenta candidatura 

 Fíxose con 4 dos 9 representantes do comité ao sumar 39 votos 

Infogauda / Vigo

 A FGAMT-CIG gañou as eleccións sindicais celebradas o pasado martes na empresa de produtos conxelados Procsa, con sede na parroquia viguesa de Sárdoma, ao obter 4 dos 9 representantes do comité. A central sindical sumou un total de 39 votos entre os 106 traballadores/as a primeira vez que presentou candidatura nesta compañía. 

 No proceso electoral a CIG obtivo 31 apoios no colexio de especialistas (3 delegados/as) e 8 entre o persoal técnico e administrativo (1 delegado/a). A representación sindical complétana outros 2 representantes da UGT, un por cada colexio, que contabilizou 22 votos (15 entre o persoal técnico e administrativo e 7 entre os especialistas); os 2 obtidos por CCOO no colexio de especialistas ao sumar 17 votos; e o único representante de CUT, que tamén logrou 17 votos. 

 Dende a FGAMT valoran moi positivamente o resultado das eleccións sindicais en Procsa, sobre todo cando era a primeira vez que a central sindical presentaba candidatura nesta empresa dedicada á elaboración e comercialización de produtos do mar conxelados é a preparación de pratos precociñados. 

 Por iso agradecen a confianza depositada polos/as traballadores/as no modelo sindical asembleario, combativo e de contrapoder que representa a CIG e adiantan o seu compromiso na defensa dos dereitos e das condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario