PRÓXIMAS VISITAS DA UNIDADE MÓBIL DE DOAZÓNS DE SANGUE
• Estará diante do Centro Cultural, os días 4, 5 e 6 de maio
Infogauda / A Guarda
A Guarda vai recibir un mes máis a visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). Dese xeito, o xoves día 4 de maio un autobús da entidade estará na rúa Rosalía de Castro (diante do Centro Cultural) de 10:15 a 14:30; o venres día 5, de 16:15 a 21:00h; e o sábado día 6, de 10:15 ás 14:30h., para atender a todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade.
Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que queren doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, o persoal recomenda non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Lémbrase que poderán doar todas as persoas con máis de 18 anos e 50 kg de peso e que debe irse despois de almorzar se se acode pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se se acode pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao persoal médico en caso de estar tomando algún medicamento.
É desexable solicitar cita para doar no teléfono gratuíto 900 100 828.
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos mantén abertos cada día locais de doazón nas sete grandes cidades de Galicia e despraza dez unidades móbiles na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas, analizadas e preparadas para garantir o subministro de compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días ao ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario