DANOS MATERIAIS NA FONTE LAVADOIRO DA PIOLLOSA, NO BARRIO DA SILVEIRA (O CASTRO)
• Causados, presuntamente, por haberlle sido obturados os aliviadoiros preexistentes

Infogauda / O Castro
Achegando imaxes fotográficas acreditativas, no día de hoxe, veciños da contorna do barrio da Silveira (O Castro), na parroquia de Salcidos, comunicáronnos - inicialmente vía WhatsApp - que na fonte-lavadoiro da Piollosa producíronse uns importantes danos materiais. Segundo nos foi referido, o sinistro produciuse por haber sido taponados os aliviadoiros - preexistentes - que tiña a fonte, que ademáis das saídas correspondentes aos tornos, permitían liberar bastante caudal de auga, de tal xeito que ao longo de moitas décadas non houbera que lamentar ningunha incidencia digna de mención.
De acordo coas referencias orais que nos foron facilitadas posteriormente, tanto telefónica como persoalmente; durante os traballos realizados fai algúns meses (supresión dun símbolo franquista, situado na parte frontal - que da para a Estrada do Castro - da cuberta da fonte-lavadoiro; pintado da devandita cuberta e outras actuacións), foron selados uns orificios que permitían ceibar un importante volume de auga, especialmente nos meses de maior pluviosidade, como os da pasada tempada de outono e gran parte do corrente mes de decembro.
Asemade - segundo nos referiron persoas veciñas do lugar dos feitos, aportando unha reportaxe fotográfica - ao longo dun lateral externo dos dous tanques do lavadoiro, foi botado formigón - ou material semellante -, con colorante ocre claro. Unha actuación que tal vez poidera non axustarse ao que Patrimonio, da Xunta de Galicia, require nestes casos.
Por eses motivos, as persoas que contactaron connosco, expresaron seu malestar polo labor "dalgún enxeñeiro" - cuxo nome omitimos por non ser, na nosa opinión, e informativamente falando, necesario indicalo -, que durante súa realización, presuntamente supervisou os referidos traballos cuxas consecuencias, a día de hoxe, a vista de todos están.
Logo de comprobar in situ os danos existentes, a Redacción deste xornal dixital transfronteirizo lamenta non soio as consecuencias que uns traballos presuntamente realizados de maneira desacertada, haxan impactado dese xeito - que non nos corresponde a nós valorar -, nun ben patrimonial como é a fonte-lavadoiro da Piollosa (O Castro). Coa particularidade de que algo semellante poida acontecer tamén noutros emprazamentos, onde se actúe de xeito análogo.



Ningún comentario:
Publicar un comentario