BALONMÁN
Carta á afección de Fernando Reyes, novo presidente do Club Balonmán Atlético Guardés
• A nova cabeza da entidade baixomiñota diríxese á súa masa social e afección para presentarse e detallar os primeiros pasos a seguir
• Tralas primeiras xuntanzas, a nova Xunta Directiva xa está conformada e repartidas as súas distintas funcións, e presentarase para aprobación dos socios na Asemblea Extraordinaria do vindeiro 10 de xullo
• Fernando Reyes: “Superamos a tormenta, pero aínda queda unha parte da travesía difícil, na que todos teremos que facer esforzos”
Redacción Deportes/A Guarda
O novo presidente do Club Balonmán Atlético Guardés preséntase ante a súa afección. Días despois de asumir o cargo e recoller a testemuña de Jesús López, Fernando Reyes bota a andar a presidencia en tódalas súas funcións e decidiu comezar por detallar a súa proposta para reencamiñar a viabilidade da entidade baixomiñota ante a súa masa social e toda a súa afección.
Esta carta da nova cabeza organizativa do equipo chega a comezos da semana na que Reyes presentará a súa nova Xunta Directiva para aprobación dos socios e socias. Un grupo xestor dunhas 15 persoas que redefinirá as súas funcións, seguirá a nova folla de ruta e traballará man a man para reconducir os esforzos cara á prosperidade económica dun Club que demostrou ser máis ca exitoso no deportivo. O vindeiro venres 10 de xullo, en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ás 20.00 e 20.30 horas en primeira e segunda chamada respectivamente, o novo presidente presentará formalmente a este “grupo de valentes” que o acompañarán no camiño.
Carta á afección do novo presidente do Club Balonmán Atlético Guardés:
“Ola a todos e todas: Moitos xa me coñecedes e, aínda que teremos ocasión de vernos tanto no pavillón coma pola Guarda para falar sobre o Club, a súa actualidade e, especialmente, o seu futuro, gustaríame presentarme formalmente. Son Fernando Reyes e, coma xa saberedes, hai uns días asumín a presidencia do Atlético Guardés.
Debo recoñecer que, ata o mesmo momento de tomar esta decisión, ocupar este cargo non entraba nos meus plans, dada a responsabilidade que conleva e, máis aínda, na delicada situación na que se atopa o Club. Con todo, como pai de xogadoras da base, como socio e coma afeccionado, nos últimos anos a miña implicación no proxecto foi en aumento e, non sei se de xeito valente ou inconsciente, considerei que, se de min dependía, debía dar un paso á fronte para tratar de evitar o que ata o momento decisivo semellaba unha desaparición irremediable do Club. Moitas veces dicimos que o Guardés é unha familia, e cando unha familia está nun mal momento, non queda outra que todos arrimemos o ombreiro para saír adiante.
Nesta tarefa acompañaranme un grupo de valentes que conformarán a futura Xunta Directiva, así coma un número de colaboradores dispostos a botar unha man para que isto siga: para que este Club continúe a levar o nome da Guarda por toda España e mesmo Europa, para que poidamos seguir a gozar cada fin de semana, unha vila de 10.000 habitantes, do balonmán de elite, tratándonos de ti a ti con cidades que multiplican por 30 a nosa poboación e, sobre todo, para seguir a ter unha base na que as nosas fillas e fillos poidan iniciarse, practicar e desfrutar do deporte. En concreto, dun deporte que, entre moitas outras cousas, ensínalles o valor do compañeirismo, do sacrificio e da importancia do traballo en equipo.
Superamos a tormenta, pero que ninguén se engane, aínda queda unha parte da travesía difícil na que todos, non só a nova Directiva senón tamén socios e colaboradores, teremos que traballar, axudar, apoiar e facer esforzos para que isto acade a velocidade de cruceiro.
Para iso formulamos unha avaliación do estado do Club en base a indicadores a seis meses vista, sendo no cambio de ano cando observaremos a situación concreta nese momento para tomar decisións de cara ao futuro próximo. A folla de ruta que se presenta a partir de agora comeza polo nomeamento dos membros da Xunta Directiva e a súa constitución, para poder comezar a traballar sobre os fitos máis urxentes como son a campaña de socios, captación de patrocinadores, etc.
Gustaríame destacar, aínda que a súa concreción é labor de toda a Directiva unha vez estea constituída, as que serán as liñas xerais desa nova Xunta, de xeito resumido e esquemático:
1. Facer sostible o Club a corto-medio prazo e elaborar un plan de saneamento. Isto pasa por recortar gastos e aumentar ingresos, algo simple de escribir, pero como podedes supoñer, complexo de realizar, debendo atopar un novo patrocinador principal e reforzar a colaboración institucional.
2. Compatibilizar a nova realidade económica coa permanencia na elite deportiva, traballando xunto ao corpo técnico no proxecto da vindeira tempada e na definición de obxectivos realistas.
3. Potenciar a base coma un elemento fundamental no plano deportivo para a continuidade e o futuro do Club.
Para finalizar, gustaríame destacar o traballo da que foi Xunta Xestora nestes últimos anos, así coma o apoio que tivo o Club por parte do que foi o seu patrocinador principal, Mecalia. Quero agradecer tamén a confianza de tódalas socias e socios e do conxunto de afeccionados. Pídovos só comprensión ante a situación actual e moito, moito apoio e colaboración.
Ánimo, porque estou convencido de que entre todos sacaremos isto adiante.
Fernando Reyes González”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario