15 de dec. de 2022

A GUARDA

O concello de A Guarda logra un millón de euros de financiamento para turismo, do Plan de Recuperación  

O Goberno central aprobou o financiamento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) presentado polo concello guardés 

Este plan será financiado con fondos Next GenerationEU en materia de sostibilidade turística, en liña co plan de Recuperación Transformación e Resiliencia. 

 

Paseo da rúa do Porto, na vila de A Guarda
Fotos: Infogauda


Infogauda / A Guarda 

 O Goberno central aprobou o financiamento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) presentado polo concello de A Guarda. Dese xeito, o concello guardés consegue un millón de euros de financiamento para turismo do Plan de Recuperación.  

 En Galicia foron aprobados 16 proxectos de sostibilidade turística entre os cales se atopan o “PSTD A Guarda” cun orzamento de 1.000.000 de euros e o proxecto “Despensa de Galicia”, financiado con 1.500.000 de euros, presentado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, unha agrupación de 14 concellos entre os que tamén se atopa A Guarda. 

 O principal obxectivo que se tivo en conta para elaborar o “PSTD A Guarda”  foi o de consolidar o turismo mediante unha serie de accións que reforcen a sostibilidade do destino apoiándose nos seus recursos fundamentais: a gastronomía, o patrimonio cultural e o patrimonio natural, que o converten nun destino único onde o mar, río e patrimonio material e inmaterial xeran unha paisaxe singular e crean sinerxías coas actividades do sector privado, ao que se lle atribuirá unha maior gobernanza”, indican desde o Goberno municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz.

 “Foron moitos os axentes locais que participaron na elaboración e apoio do “PSTD A Guarda”. O concello agradece a todos os particulares, empresas e entidades que, ben a través de reunións sectoriais, cartas de apoio ou enquisas se implicaron neste proxecto turístico. Estas achegas foron fundamentais para conseguir o financiamento”, afirma o alcalde Antonio Lomba.


O Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) inclúe un novo proxecto artístico para o contradique de Punta Xenete coa incorporación de iluminación artística

 O plan inclúe, entre outras actuacións: a protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Forte (Camposancos); actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso do Monte Santa Trega, implantando medidas que regulen o acceso a este espazo de alta presión de visitantes coa creación dun estacionamento disuasorio na zona da Porta do Trega. Un novo proxecto artístico para o contradique de Punta Xenete coa incorporación de iluminación artística. A mellora do tramo de senda da estrada de Camposancos, entre o cruce co paseo de Portugal e a entrada do barrio do Couto. O impulso á náutica deportiva e tradicional coa instalación de pantaláns flotantes nos portos de A Guarda e da Pasaxe. A posta en valor de A Guarda como destino gastronómico; a creación de contidos dixitais e a dixitalización da comercialización dos servizos turísticos municipais. 

 Este ambicioso Proxecto Sostible de Turismo en Destino desenvolverase en tres anualidades entre o 2023-25 e dará resposta a necesidades e demandas que tan unha vila turística como A Guarda na que é necesario potenciar a gobernanza e modernización do sector. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario