4 de nov. de 2022

VIGO

A SEDE DA DEPUTACIÓN EN VIGO CELEBRARÁ O DÍA DAS ESCRITORAS O 11 DE NOVEMBRO CUN ENCONTRO LITERARIO DAS MULLERES DO “MANIFESTO DE SOUTOMAIOR” 

 Carmela Silva adiantou que na xuntanza anunciaranse os premios literarios que vai lanzar a Deputación no 2023, un concurso escolar de relatos e “unha grande sorpresa artística” nas cidades de Vigo e Pontevedra 


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo

 A sede da Deputación en Vigo celebrará o vindeiro venres, 11 de novembro, o Día das Escritoras cun encontro literario das mulleres asinantes do “Manifesto de Soutomaior”. “Imos xuntarnos ese día –informou a presidenta Carmela Silva- para tomar decisións moi relevantes e novidosas”, entre as que anunciou a posta en marcha duns premios literarios e un concurso escolar de relatos. Tamén se descubrirá a “grande sorpresa artística” coa que se conmemorará a celebración, unha escultura que se instalará no exterior da sede viguesa da institución e que tamén terá réplica nos xardíns do Pazo provincial en Pontevedra.

 Se o pasado ano o Castelo de Soutomaior foi o punto de encontro dun grupo de 19 mulleres da escrita e da cultura que, da man da Deputación de Pontevedra, celebraron por vez primeira o Día das Escritoras e culminou coa histórica sinatura do “Manifesto de Soutomaior”, neste 2022 será a sede de Vigo o escenario da xuntanza. Será un auténtico “encontro literario no que se continuarán dando pasos cara a igualdade das mulleres na escrita” detallou Carmela Silva. Así, entre as iniciativas que se van impulsar atópase a posta en marcha duns premios literarios para o 2023 cuxo nome, número de premios que se van entregar e recursos que se van destinar definiranse durante o encontro.

 Tamén durante a xuntanza acordarase o lanzamento dun concurso escolar de relatos para premiar “as mellores redaccións centradas na igualdade e na loita contra a violencia de xénero” elaboradas por alumnas/os de educación secundaria de centros educativos da provincia. Ademais, o encontro servirá para dar conta do avance da creación dunha biblioteca dixital de mulleres ou definir un concurso de composición musical centrado en poetas galegas.

 Dende hai sete anos a Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Asociación Clásicas y Modernas, organiza a celebración do Día das Escritoras, unha iniciativa que ten o obxectivo de reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario