O CAAN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA RESCATA 13 CACHORROS ABANDONADOS EN RIBADUMIA
• Son sete femias e seis machos de mes e medio de idade que apareceron nunha finca aínda que dous morreron á chegada ao centro
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
Persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN)da Deputación de Pontevedra, vén de rescatar outra camada de cachorros abandonados, neste caso no concello de Ribadumia. As sete femias e seis machos, que teñen aproximadamente mes e medio de idade, foron atopados nunha finca de pasto no lugar de Rabadeiro por un grupo de mozos, que enseguida deron aviso a Protección Civil de Ribadumia que alertou ao CAAN.
Dous dos animais pereceron á súa chegada ao centro da Armenteira, unha femia e un macho, polas malas condicións nas que se encontraban a consecuencia do seu abandono. O resto, polo momento, atópase en relativamente boas condicións, á espera da súa evolución nos vindeiros días e xa están a ser alimentados no centro, onde tamén se lles aplica o protocolo sanitario establecido baixo a supervisión permanente do equipo veterinario. De momento, as femias “Tina”, “Flora”, “Mara”, “Xolda”, “Vane” e “Lena” e os machos “Nino”, “Negrín”, “Miño”, “Pipo” e “Floro”, tamén xa probaron a área de esparexemento do CAAN.
Ningún comentario:
Publicar un comentario