O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe esta entidade integrada en Feafes
• A Xunta de Galicia destaca o traballo da asociación Avelaíña na atención a persoas con enfermidade mental en zonas do rural
• O Goberno galego destina 150.000 euros a Feafes para a posta en marcha de actividades que melloren a súa calidade de vida
Infogauda / Ponteareas
O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a sede da asociación Avelaíña onde destacou o seu traballo na atención a persoas con enfermidade mental en zonas do rural. O Goberno galego mantén un convenio de colaboración con esta entidade, integrada na Federación de Asociacións de Familias e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes).
A Xunta destina a este proxecto un orzamento de 150.000 euros que permite a posta en marcha de actividades que garantan o seu acceso a actividades especializadas, vivan onde vivan, e que fomenten o seu desenvolvemento socioeducativo. O director xeral lembrou a estreita colaboración do Goberno galego co tecido social para fomentar unha vida activa e participativa das persoas con discapacidade.
Neste sentido, destacou que os orzamentos do Executivo autonómico para o vindeiro ano 2023 destinan 165,2 millóns de euros a atención á discapacidade, un 16% máis que no vixente exercicio. Isto demostra, apuntou, que a Xunta seguirá estando ao lado das persoas con discapacidade dándolle o apoio e a axuda que necesitan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario