18 de nov. de 2022

MOAÑA

A CIG convoca mobilizacións para rexeitar a modificación das condicións de traballo do persoal do Centro Deportivo Moaña  

 A empresa que xestionan a instalación municipal, FCC-Aqualia, rebaixará un 20% os custes salariais mediante redución de xornadas

 



Infogauda / Moaña

 A CIG-Servizos de Vigo anunciou a convocatoria de mobilizacións diante do Centro Deportivo Moaña e do Concello para rexeitar a modificación substancial das condicións de traballo ao persoal desta instalación municipal por parte da empresa concesionaria da xestión, FCC-Aqualia. Dende a central sindical denuncian que a compañía pretende a rebaixar un 20% os custes salariais procedendo á redución de xornadas, o que limitará o horario de apertura do Centro Deportivo.  

 A medida vai afectar tanto aos 18 empregados/as, que verán mermados os seus ingresos, como ao propio servizo que se presta, xa que as instalacións permanecerán pechadas de 14:00 a 16:00 horas de luns a venres e os sábados pola tarde. “Todo isto coa complicidade e a conivencia do Goberno local, favorecendo así os interesas empresariais en detrimento das persoas traballadoras”, segundo denuncia Pedro Pérez, da CIG-Servizos. 

 En consecuencia, o delegado de persoal da empresa, pertencente á CIG, comunicou a convocatoria de mobilizacións do 21 ao 25 e do 28 ao 30 de novembro, que consistirán en concentracións diante do Centro Deportivo, na rúa Vila de Pedroso, de 11:00 a 12:00 horas, con posterior manifestación até o Concello, onde haberá unha nova concentración de 12:15 a 13:00 horas. 

Conflito colectivo 

 Dende a central sindical explican que esta problemática laboral vén derivada da presentación por parte da CIG dun conflito colectivo ao non existir acordo coa patronal do sector de instalacións deportivas sobre a cláusula de actualización salarial en base ao IPC, tal e como recolle o convenio colectivo. En consecuencia, e como medida de presión, as empresas presentaron descolgues de convenio con respecto ao salario. Unha delas foi FCC-Aqualia en Moaña, iniciándose un período de consultas en xullo que rematou sen avinza porque non existía xustificación para a medida, tendo en conta os beneficios millonarios do grupo. 

 “Entre medias chegouse a un acordo en arbitraxe para actualizar os soldos; pero FCC-Aqualia, unha das compañías asinantes, substituíu a pretensión de descolgue de convenio pola modificación substancial das condicións de traballo, que lle suporía reducir os custes salariais nun 20%, a mesma cantidade que pretendía aforrar co descolgue””, censura Pérez. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario