24 de nov. de 2022

A GUARDA

UN DÍA PARA DAR

Eu son FoGaReS SaNXe”  

 O evento será o vindeiro martes 29 de novembro na sede da Asociación San Xerome Emiliani




Asociación San Xerome Emiliani / A Guarda

 A Asociación San Xerome Emiliani, de A Guarda (Pontevedra) é unha organización sen ánimo de lucro promovida por nais, pais, familiares e amigas/os de persoas con diversidade intelectual, que facilita ao devandito colectivo e ás súas familias apoios e servizos profesionais que favorecen o seu crecemento persoal, integración socio-laboral, igualdade de oportunidades, desenvolvemento comunitario e inclusión.  

 Para a Asociación San Xerome é fundamental que as persoas con discapacidade intelectual teñan o mesmo dereito á emancipación que o resto de persoas sen discapacidade, e que poidan ver realizado o seu proxecto de vida no presente e cara ao futuro. Para garantir ese dereito, a Asociación puxo en marcha o proxecto de FoGaReS SaNXe.  

 Con “Eu Son FoGaReS SaNXe” San Xerome lanza a súa primeira campaña de crowdfunding (captación de fondos dixital), a través da plataforma O meu Gran de Area (https://www.migranodearena.org/), coa finalidade de conseguir doazóns que permitan recadar os fondos necesarios para dar comezo á fase de baleirado e rebo do antigo colexio das Carmelitas da Guarda, edificio patrimonial recibido en doazón e actualmente en estado ruinoso, no que se construirán 30 fogares inclusivos onde poderán vivir ata 60 persoas con discapacidade intelectual da comarca do Baixo Miño.  

 A campaña Eu Son FoGaReS SaNXe empezará o vindeiro martes 29 de novembro no marco do GivingTuesday: un día para dar. O GivingTuesday é un movemento internacional a nivel global que nace como resposta solidaria ao consumismo do Black Friday (en galego, Venres Negro), para incentivar as boas accións das persoas. É o día do ano destinado a celebrar e poñer en práctica “a alegría de dar”.  

 Ese día San Xerome organiza un evento dedicado ao intercambio do DAR: A Asociación San Xerome dará un concerto solidario coa actuación do grupo Milhomes, onde se presentará ademais a campaña de micro mecenado “Eu son FoGaReS SaNXe”. E as persoas participantes poderán dar a cambio o que desexen, doazóns de todo tipo: monetarias, obxectos, alimentos…o que sintan que lles apetece dar.  

 O evento será o vindeiro martes 29 de novembro na sede da Asociación San Xerome Emiliani, en rúa Galicia 23, de A Guarda, en horario de 18:30 a 21:00h. Estades todas e todos convidados…Esperámosvos!!!! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario