O Concello de A Guarda desminte ao xerente do camping Santa Tecla das acusacións de responsabilidade pola inundación nas súas instalacións
• Aclaracións do concello de A Guarda ante as acusacións vertidas pola xerencia do Camping Santa Tecla ante a inundación producida nas súas instalacións o día 22 de novembro.
• A inundación no camping prodúcese pola marea alta e as intensas choivas destes días. O camping está situado nunha zona inundable.
Infogauda / A Guarda
Adxuntando á fotografía que reproducimos nesta crónica, no día de hoxe, xoves 24 de novembro de 2022, o Goberno municipal do Concello de A Guarda, vén de facer pública unha nota na que dí o seguinte:
“O camping Santa Tecla sufriu no día de onte unha inundación que anegou o camping e que afectou ás instalacións do mesmo. As declaracións da xerencia do camping falan de metro e medio de fecais e pluviais e que isto se debeu a falla de mantemento do sistema de saneamento municipal. O xerente chega a afirmar que as arquetas da rede pública reventan cada dúas por tres, de xeito que lle entra un torrente de augas fecais e pluviais, procedentes da rede, nas súas instalacións.
O concello da Guarda, antes que nada, quere manifestar a nosa comprensión polo estado de ánimo e desgusto da xerencia do camping posto de manifesto en diferentes medios de comunicación.
Sen embargo, consideramos necesario facer unhas puntualizacións ás súas manifestacións, cando se asegura que a inundación prodúcese como consecuencia do vertido dos pozos de rexistro do emisario que une O Rosal coa Guarda (instalado no seu día pola Xunta de Galicia) e que decorre pola pista do exterior do camping non se está a dicir a verdade.
É certo, que a consecuencia de que o emisario entra en carga en períodos de moita choiva, algunhas das tapas dos rexistros saltan e botan auga fóra, pero en ningún caso esta auga vai parar dentro do recinto do camping, e o xerente o sabe.
A realidade é que o camping Santa Tecla está situado na Xunqueira de Salcidos, unha paraxe inigualable e marabillosa, pero que en determinadas épocas, sobre todo en períodos de moita choiva, é unha zona inundable. Isto o saben todos os veciños e veciñas de Salcidos, dende sempre. Cando as choivas coinciden con marea alta esa zona e o seu entorno inúndanse, como foi o caso.
Polo tanto, a auga embalsada no interior do recinto do camping como noutros terreos da Xunqueira non é fecal, senón que é auga procedente da choiva e dos xuncais que rodean a zona”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario