24 de nov. de 2022

A GUARDA

O Concello de A Guarda solicita fondos Next Generation EU para a reforma integral da piscina municipal 

• Equipo de Goberno considera prioritaria a modernización das instalacións da piscina municipal. Na actualidade é un dos equipamentos mellor valorados pola veciñanza dende o punto de vista da utilidade pública

• O proxecto presentado aos Next Generation de Reforma e Rehabilitación Enerxética da Piscina Municipal de A Guarda ten un orzamento que ascende a 2.266.212 euros




Secuencias infográficas dos acabados previstos nas instalacións da piscina climatizada municipal de A Guarda
Fonte: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Goberno municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz vén de facer varias reflexións en relación a unha das instalacións deportivas máis concorridas de A Guarda: A piscina climatizada municipal.

 Foi deseñada - lembran desde o executivo local - fai máis de 25 anos cuns criterios que pouco teñen que ver cos que se empregan hoxe en día para unha instalación deste tipo. Daquela non se lle daba a prioridade que hoxe teñen a criterios como a accesibilidade, eficiencia enerxética e optimización de espazos. 

 Por outra banda, moitos dos equipamentos e instalacións que ten a piscina necesitan ser renovados por outros máis modernos e eficientes. Nesta liña o concello xa acometeu, fai uns meses, as obras máis necesarias coa execución do proxecto de revisión e actualización das instalacións da piscina municipal de A Guarda, cun prezo de licitación de 85.000 euros

 Dende o Goberno municipal de A Guarda, considerando e equipamento lúdico deportivo da piscina municipal, de utilidade pública, e conscientes da importancia que ten para a veciñanza da localidade e da comarca, encargaron os primeiros estudos para valorar a súa modernización no ano 2021.  Entón elaborouse un informe técnico do estado da piscina para valorar a situación actual das instalacións e do edificio, e elaborouse tamén unha auditoría enerxética para coñecer canta enerxía se podería aforrar cun proxecto de eficiencia enerxética. 

 Aqueles estudos deron como resultado o proxecto, xa executado, de revisión e actualización das instalacións da piscina municipal e outro proxecto, moito máis ambicioso, presentado aos fondos Next Generation EU dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) para entidades locais, neste caso dentro da liña 2 desta convocatoria. O concello xa presentara dentro da liña 1 do PIREP o proxecto da Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña para a que conseguiu un financiamento de 385.754 euros.

 O proxecto presentado aos Next Generation de Reforma e Rehabilitación Enerxética da Piscina Municipal de A Guarda ten un orzamento que ascende a 2.266.212 euros e contempla entre outras cousas: Un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume na piscina, ao contemplar, illamento de fachadas e cubertas; iluminación LED; un sistema de renovación de aire con recuperación de calor; e a optimización dos espazos. Ademais leva a instalación de enerxías renovables, biomasa e fotovoltaica. Tamén se inclúen puntos de recarga eléctricos e mellora da accesibilidade coa incorporación dun ascensor. Coa optimización de espazos conséguese ampliar o ximnasio e o spa (bañeira comunitaria utilizada como método de relax), abrir un novo vaso na piscina para os cativos, e unha sala de usos múltiples. Todas estas melloras van acompañadas da correspondente renovación das instalacións e equipos, e dunha mellora estética do edificio e da contorna. 

 Este ambicioso proxecto permitirá a modernización e renovación total dun equipamento municipal dándolle unha segunda vida, como sucede no caso do pavillón municipal da Sangriña. Neste caso as instalacións da piscina, ademais de ser moi importante para a práctica para o deporte, tamén son un recurso para o mantemento e mellora da saúde, afirman desde o Goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario