18 de nov. de 2022

A GUARDA

O proxecto Trega 2020+5 arranca a súa primeira actuación no poboado Calvo coa restitución da porta norte do castro  do Monte Santa Trega

Os traballos iniciaranse no final do novembro, unha vez acadada a autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia.  

 

Na fotografía, estado en que se atopa a porta norte do poboado castrexo do Monte Santa Trega. E no dibuxo, como quedará logo da intervención prevista

Fonte: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Proxecto Trega 2020+5 elaborado entre  concello de A Guarda e o Instituto de Historia, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas  (CSIC) trata de desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro do Monte Santa Trega a través dunha actuación  integral. Así este proxecto desenvólvese  en torno a tres eixos: recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930; manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público; e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do Trega coa finalidade de crear novos contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.  

 O proxecto, que  conta co respaldo  financeiro  do Padroado Municipal Monte Santa Trega e a autorización das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda e de Camposancos, respectivamente, parte da iniciativa do alcalde da localidade e presidente do Padroado, Antonio Lomba Baz. 

 Esta primeira campaña dispón dunha financiación de 23.691,80 euros aportada exclusivamente polo devandito Padroado. Para o desenvolvemento do proxecto nos vindeiros anos espérase contar tamén  co apoio da  Dirección Xeral de Patrimonio, da Xunta de Galicia, que xa foi  convidada a formar parte do  mesmo.  

 A reconstrución da porta norte do poboado implica unha grande complexidade técnica. Os traballos consistirán na reconstrución da muralla e a restitución do lintel que se atopa caído “in situ” xusto ao pe da porta. Esta actuación será levada a cabo pola empresa Terra Arqueos, que conta cunha longa experiencia en restauracións e consolidacións de castros, baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, restaurador de gran prestixio internacional que ten dirixido proxectos como a reconstrución dos colosos de Memmón, no Exipto.

 Esta actuación contribuirá á valorización  patrimonial do castro do Monte Santa Trega como parte dunha estratexia que aposta por potenciar o seu valor como recurso cultural e turístico, e tamén pola súa relevancia científica no estudo das sociedades castrexas. Desde o Concello de A Guarda e o CSIC confíase en que este investimento impulse moitas outras actuacións nun dos maiores xacementos castrexos de todo o noroeste peninsular e todo un símbolo da cultura dos castros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario