19 de maio de 2026

GOIÁN (TOMIÑO)

O PSdeG-PSOE DE TOMIÑO ESIXE TRANSPARENCIA ANTE O PECHE DO MERCADO DE GOIÁN E O PROXECTO "VILA DA MÚSICA"  


O mercado de Goián permanece pechado 
Foto: GMS

Infogauda/Goián (Tomiño)

 O PSdeG-PSOE de Tomiño esixe respostas ao goberno local sobre o proxecto “Goián Vila da Música”, anunciado en outubro de 2025. "A iniciativa vendeuse como unha revolución baseada nunha alianza entre un músico particular manchego, a Agrupación Musical de Goián e o Centro Goianés, financiada con cartos públicos do Concello de Tomiño". Os socialistas lembran que "este músico xa intentou sen éxito liderar proxectos semellantes noutro concello da comarca, e que a iniciativa actual xa sufriu o abandono dalgún colaborador inicial". 

 "Sete meses despois do anuncio, o PSdeG-PSOE solicitou o expediente completo e comprobou con estupor que non existe ningún documento que formalice dita unión nin que regule a súa financiación. Mentres tanto, o mercado de Goián -destinado a albergar o suposto Museo Interactivo da Música - permanece pechado a cal e canto. Hoxe funciona como almacén gratuíto dunha colección privada de instrumentos. 

 É inaudito que unha persoa que chegou hai menos dun ano ao concello se adueñe dun local municipal sen cesión nin obriga. Presumimos de mocidade talentosa, pero os nosos mozos teñen que marchar a buscar espazos porque en Tomiño deixámosllos gratis a un particular", critican as concelleiras socialistas. "A cidadanía e as asociacións da parroquia quedan así privadas dun equipamento público". 

 "Como consecuencia deste peche, as actividades veciñais foron desprazadas. Os obradoiros da Mostra de Cultivos trasladáronse á aula comedor do colexio, usada a diario para o almorzo escolar". O PSdeG-PSOE cualifica de "verdadeiro despropósito de salubridade" que, existindo tres equipamentos municipais ao carón da praza Antonio Fernández (o mercado, a Casa Sacana e a Escola Obradoiro), se escolla o comedor escolar. Por iso, esixen que non se celebren alí ditos obradoiros e se busquen alternativas. 

 Respecto ao contido de "Vila da Música", o grupo socialista denuncia que "non hai nin un só concerto gratuíto e a música tradicional brilla pola súa ausencia. O último despropósito programouse no día das Letras Galegas cun "Vermú Salsero" e clases de salsa, todo iso regado con publicidade institucional". 

 O PSdeG-PSOE conclúe que "o proxecto é un bluf e unha montaxe propagandística" e esíxelle ao goberno local, "explicacións urxentes á veciñanza ante esta situación anómala". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario