Esta tarde, na presentación de Roberto José Álvarez Carrero como candidato á alcaldía
Luis López subliña que só o PP e Roberto José Álvarez Carrero poden liderar o cambio de rumbo que necesita A Guarda
• O candidato di que “saímos con todo e con todos, este concello non pode esperar máis. A única alternativa seria ao desgaste deste Goberno é o Partido Popular”.
Infogauda / Camposancos /A Guarda)
O presidente do PP de Pontevedra, Luis López Diéguez, subliñou que hoxe comeza o cambio da Guarda, que desembocará en maio cunha vitoria electoral rotunda do Partido Popular neste concello, “porque temos o mellor candidato e o mellor equipo, porque ofrecemos ao pobo da Guarda o proxecto que necesita e, sobre todo, porque os guardeses queren e precisan un cambio de rumbo que só poden liderar Roberto Carrero e o PP”.
Foi durante o mitin de presentación de Roberto José Álvarez Carrero como candidato á alcaldía de A Guarda nas municipais de maio, no que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo. “Este cambio é urxente, tras case 16 anos de tombos dos distintos gobernos socialistas, de alcaldes que non cren neste concello nin nas súas potencialidades e que, neste longo tempo, non contribuíron en nada ao seu desenvolvemento”.
Sobre o candidato, López subliñou “a súa valía, os seus bos resultados e a construción dunha alternativa seria nestes anos para A Guarda. Ten grande capacidade para detectar os problemas e a intelixencia para ofrecer solucións. Reúne todos os requisitos para ser o mellor alcalde que pode ter A Guarda, unha persoa que lidera e que se responsabiliza, unha persoa que sabe o que convén ao seu concello”.
Durante a súa intervención, recordou que o PP xa gañou as eleccións en 2019. “Cómpre lembralo, porque hai moitos alcaldes do PSOE e do BNG que andan por aí presumindo de resultados cando debían ter máis humildade e recoñecer que, na maioría dos casos, eles so poden gobernar con cativos pactos de perdedores, como é o caso da Guarda, que non levan aos concellos a ningunha parte”. Por iso, pediu a todos “empuxe, seguir traballando unidos e estar coa xente. Escoitala, detectar os seus problemas e plantexarlles as nosas solucións, para conseguir en maio unha maioría absoluta que permite a Roberto ser alcalde da Guarda”.
Pola súa parte, o candidato amosouse “ilusionado e con moitas gañas” para afrontar estes meses ata as eleccións de maio. “Saímos con todo e con todos, A Guarda non pode esperar máis. A única alternativa seria ao desgaste deste Goberno é o Partido Popular. O único partido que pode garantir futuro e crecemento para A Guarda é o PP”, sinalou. Ademais, dixo que a estas alturas, “xa todos os veciños saben que votar ao PSOE ou BNG é exactamente o mesmo, é dar continuidade a un goberno sen rumbo e sen gañas”.
COMPROMISO DA XUNTA COA GUARDA
Durante a presentación, Luis López destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa Guarda. “Este concello sostívose estes anos grazas a un forte compromiso do Goberno galego con importantísimos investimentos, que se contrapoñen á xestión socialista e que demostran que o PP si quere á Guarda”, e puxo como exemplos a nova escola infantil, os obradoiros de emprego, potentes reformas no colexio e no instituto da Sangriña, accións turísticas, a reactivación do transporte do ferri para persoas, os investimentos no porto e nas infraestruturas do sector do mar, os avances na autovía...
Ningún comentario:
Publicar un comentario