22 de xan. de 2021

A GUARDA

O Concello de A Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5 

• Que nace co obxectivo de recuperar e consolidar sectores das escavacións antigas para facelas visibles 

•  É un plan integral de recuperación do castro de 5 anualidades, cun apartado de investigación para obter novas informacións sobre o mesmo. 

•  Contará coa dirección científica de Brais Currás da EST-AP do CSIC 

Vista aérea do poboado castrexo do Monte Santa Trega (A Guarda), cos sectores arqueolóxicos previstos no Proxecto Trega 2020+5

 

Infogauda / A Guarda

 "O Concello de A Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5 co que se pretende  desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro de Santa Trega a través dunha actuación integral, de carácter conxunto e coordinado dos diferentes axentes sociais e entidades administrativas envoltas na conservación e promoción do monte". Esa é a formidable nova que no día de hoxe, venres 22 de xaneiro de 2021, deu a coñecer o equipo de goberno municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz.

 Segundo avanzou o executivo local "o Proxecto Trega 2020+5 desenvólvese en torno a tres eixos fundamentais, recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930 e que hoxe se atopan abandonados; manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público; e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do castro, e crear contidos destinados á divulgación e ao desenvolvemento patrimonial.  

 O castro de Santa Trega conta cunha longa historia de actividade arqueolóxica, escrita cos nomes da Sociedad Pro Monte, Ignacio Calvo ou Cayetano de Mergelina, entre outros.  

 No marco do Proxecto Trega 2020+5 proponse a reescavación de varios sectores do castro. A actuación arqueolóxica cunha metodoloxía arqueolóxica permitirá recuperar boa parte da información dos traballos antigos e afondar no seu coñecemento por medio da aplicación das novas tecnoloxías".  

O CASTRO DO MONTE SANTA TREGA: TODO UN REFERENTE NA ARQUEOLOXÍA


 Tal e como vén de comunicar o equipo de goberno do Concello de A Guarda "o Proxecto Trega 2020+5 permitirá agora consolidar ao castro como un referente na aprendizaxe dos arqueólogos do futuro por medio dunha escola permanente de arqueoloxía na que cada verán 5 alumnos do máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC terán oportunidade de formarse como profesionais, levando a cabo prácticas de escavación, rexistro, topografía, flotación ou mostraxe.  

 Baixo a dirección científica de Brais Currás da EST-AP do CSIC, e nun proxecto de 5 anualidades, os traballos de recuperación das escavacións antigas do castro permitirán acceder a novos datos que aportarán un coñecemento máis fondo do asentamento.  

 O Proxecto Trega 2020+5 conta co Concello da Guarda coma promotor e tamén coa colaboración do Padroado do Monte Santa Trega e as Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos". 

 Desde este xornal dixital transfronteirizo saudamos que o Concello de A Guarda lidere o Proxecto Trega 2020+6, e que ademáis volte a contar con Brais Xosé Currás Refojos, integrante - xunto con Inés Sastre Prats (investigadora responsable); e Almudena Orejas Saco del Valle e  Francisco Javier Sánchez-Palencia  Ramos - do Grupo de Investigación Estructura Social y Territorio: Arqueología del Paisaje (EST-AP), pertencente ao Centro de Ciencias Humanas y Sociales, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

  Coa súa tese de doutoramento titulada Transformaciones sociales y territoriales en la cuenca del Baixo Miño entre la Edad del Hierro y la integración en el Imperio Romano, así como outras investigacións sobor da minería de ouro na comarca miñota, e da industria da sal no litoral de A Guarda, Brais X. Currás, tamén ten acreditado ser un gran coñecedor do xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega. De tal xeito que súa achega e a dos colaboradores que ten dirixido, fixeron que á cidade prehistórica do Trega teña sido protagonista de importantes achádegos que están permitindo un maior coñecemento de como era á vida nos poboados castrexos fai máis de dous milenios.

 Por outra banda, tamén é digno de salientar que o Concello de A Guarda conte coa colaboración do Padroado Municipal Monte Santa Trega e coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común das parroquias de A Guarda e de Camposancos, respectivamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario