2 de nov. de 2022

A GUARDA

A Guarda acollerá “A Saia raíña”, unha exposición sobre o loito e a súa histórica relación coa muller.  

A inauguración terá lugar o día 10 de novembro ás 20:00 h. na planta baixa do Concello. Durante a mesma proxectarase o documental e realizarase unha visita á exposición, guiada pola súa autora.   

A actividade está recomendada para público de todas as idades.  


María Rita Más Ybáñez xunto a fotografías da exposición “A Saia Raíña”
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Casa dos Alonso acollerá do 10 de novembro ao 5 de decembro, en horario de mañá, a exposición “A Saia Raíña”. Trátase dunha exposición de testemuñas nos formatos de fotografía e audiovisual, froito do traballo de campo de Rita Más Ybáñez en diferentes aldeas e cidades galegas.  

 Foron entrevistadas máis de 60 persoas informantes, principalmente mulleres aínda enloitadas e tamén homes que falan do costume de gardar o loito, tanto temporal coma permanente. As viaxes coas cámaras, a gravadora e mailo caderno de campo percorreron as provincias de Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña tanto no rural como no ámbito urbano.   

 As mulleres falan no documental das súas vivencias, da necesidade ou imposición de gardar o loito, das diferencias do costume entre homes e mulleres, e finalmente da súa evolución que tende a desaparecer no século XXI.  

Rita Más Ybáñez

 María Rita Más Ybáñez (Vigo, 1964), fotógrafa e poetisa. Gañou, entre outros, o premio de poesía Jaime Gil de Biedma (Segovia) e premios de poesía e vídeo creación das Mariñas (Carballo). 

 Adicada a comunicación en medios e a etnografía, logo da súa formación audiovisual, é estudante de Antropoloxía Social e Cultural na Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) e realiza o traballo de campo e investigación etnográfica sobre o loito. Ten impartido conferencias e charlas na universidade; concellos de Vigo e A Coruña; e bibliotecas provinciais, dentro e fora de Galiza. 

 Actualmente está traballando na próxima publicación do formato libro da monografía referida ao loito e o traballo de campo etnográfico, resultado da exposición A Saia Raíña, mulleres galegas enloitadas no século XXI.  

 Esta actividade está promovida pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), de A Guarda, e está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario