5 de xan. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra renova o programa Voando nas Rías Baixas, con sete rutas ornitolóxicas durante o ano 2025 

•  Da man de SEO/BirdLife, as actividades comezarán o próximo 2 de febreiro en Nigrán e, como novidade, inclúese unha nova ruta pola costa sur da Ría de Arousa


Grupos de persoas na praia do Codesal (Camposancos), observando aves no Esteiro do río Miño
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa Voando nas Rías Baixas. En colaboración coa asociación SEO/BirdLife, organizaranse durante este ano un total de sete rutas ornitolóxicas para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural. Este ano, como novidade, incorpórase unha nova ruta, a da costa sur da Ría de Arousa, e volven os percorridos das Brañas de Xestoso e o Esteiro do río Miño, que non se realizaron na edición de 2024 do programa pero si en anteriores.  

 O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 comezará o próximo 2 de febreiro en Nigrán, na foz da Ramallosa e Praia América. As inscricións para a estrea deste ano abrirán en dúas semanas, o luns 20 de xaneiro. A seguinte será precisamente a novidade deste ano, a ruta da costa sur da ría de Arousa (Cambados e Vilanova de Arousa), que se celebrará o 9 de marzo. En terceiro lugar, as Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), o 25 de maio, e posteriormente a ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño. 

 O 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 9 de novembro, e en último lugar a ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), pechando o calendario da edición o 14 de decembro.  

 Igual ca en edicións anteriores, ofértanse 25 prazas por actividade a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario