CAMIÑOS III
11 novembro 2022 - 21 maio 2023
No Centro Galego da Arte Contemporánea
Primeira planta
Comisariado: Alberto Carton, Santiago Olmo
Artistas: Vito Acconci, Janine Antoni, Miguel Ángel Blanco, Mar Caldas, Benvenuto Chavajay, Mona Hatoum, Kubra Khademi, Manuel Laguillo, Juan Lesta, Priscilla Monge, Jürgen Partenheimer, Damián Ucieda, Oriol Vilanova
CGAC / Santiago de Compostela
Camiños III continúa o traxecto que se iniciou con Camiños I e no que se avanzou con Camiños II. O camiñar como acto persoal de activismo sociopolítico; como responsabilidade colectiva ante as crises medioambientais, pola súa correspondencia co inmediato, o observable e o perceptible. O camiñar como pegada cultural que condiciona a mirada e xera paisaxe e consecución da sensibilidade. O camiñar como fenómeno histórico que transcende as secuencias do tempo en constante contemporaneidade. O camiñar como exercicio de intermediación relixiosa e o seu destino. O camiñar como indumentaria de traballo.
Desde esas sendas, Camiños III entrecruza artistas e obras de xeracións, preocupacións e intereses diferentes, fundamentais para iniciarse nas diversas posicións que os situaron ante a acción creativa. Estes artistas atopan no tránsito, nos esforzos físicos dos percorridos, nos encontros relacionais, aleatorios ou provocados entre persoas, nas dinámicas complexas do territorio, nas xeografías físicas e psicolóxicas e nas circunstancias variables que todo iso supón os apoios para unha implicación entre os seus tempos e as súas derivas.
Camiños III mostra accións performativas rexistradas en vídeo, cadernos de campo e mapas, importantes fontes de información sobre o detemento concreto dos artistas no seu momento de determinación. Mostra instalacións específicas que se enmarcan nas paisaxes-encadramento de referencia e nas súas sonoridades. Expón estudos de implicación sobre os sistemas de zonificación específica (zonas urbanas, periurbanas e rurais) que os reconstruíron e condicionaron e que, polo tanto, crearon unha nova xeografía de uso. Tamén obras profundamente críticas sobre as imposicións políticas, as regulamentacións imperativas, as fronteiras e a loita pola supervivencia. E as reflexións íntimas que se miden no camiñar de contemplación, xeradoras dunha parte importante da historia humana evolucionada que se sementa desde eses posicionamentos artísticos.


Ningún comentario:
Publicar un comentario