9 de out. de 2022

O ROSAL

A Feira do Viño volveu inundar O Rosal maridando viño, gastronomía, lecer e moitas ganas de desfrutar  

A XXX Feira do Viño do Rosal comezou o venres co pregón do Mestre do Viño Pedro Ballesteros 

“A Feira do Viño é a máis importante do Rosal e todas e todos tiñabamos moitas ganas de volver a celebrala sen limitacións, con agarimo e apertas e compartindo o renovado espazo da nova Praza do Calvario”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, no acto de inauguración.


A alcaldesa do Rosal, coa presidenta da Deputación de Pontevedra, deputados provinciais, pregoeiro da XXX Feira do Viño do Rosal e membros da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, brindando por unha edición excepcional

Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O venres deu comezo a 30ª edición da Feira do Viño do Rosal. Unha edición excepcional por moitos motivos: porque celebra o seu 30 aniversario, porque o fai estreando por primeira vez unha renovada Praza do Calvario, e porque, tras dous anos nos que se celebraron edicións irremediablemente condicionadas polas limitacións sanitarias, este ano volve sen limitacións, sen distancias e con moitas ganas de desfrutar.

 A edición deste 2022 conxugou o mellor da feira tradicional que se viña celebrando na última década, co formato renovado que se implantou nestes anos de pandemia, resultando así unha edición máis completa, que combina o mellor da experiencia da degustación dos viños nas casetas, cunha programación de música, xogos e oferta cultural de calidade. “O mellor xeito de gozar duns viños tan excepcionais como os viños do Rosal, é facelo rodeados de familia e amigos, desfrutando dun concerto, charlando e compartindo o momento e a experiencia”, destacou a alcaldesa.


A alcaldesa do Rosal coa presidenta da Deputación de Pontevedra, alcaldes dunha e doutra beira do río Miño, e outras persoalidades, no acto de inauguración do XXX Feira do Viño do Rosal


 Durante o acto inaugural a alcaldesa quixo destacar que a Feira é para os rosaleiros e rosaleiras o escaparate no que celebramos e gozamos de xeito lúdico do valor do excelente viño elaborado polas nosas adegas”. “O sector vitivinícola para nós é estratéxico. Non só imprime marca, calidade e emprego ao Rosal,
senón que xera riqueza cun tamaño empresarial e de exportación arredor do mundo moi importante. Trátase dun sector que está vencellado ao gran valor climatolóxico e de riqueza do noso territorio no sector primario”
, salientou Fernández Callís.

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confesou que se trataba para ela dun día moi especial “no que imos vivir con alegría e orgullo as nosas tradicións, a nosa historia e un paraíso natural como é O Rosal”. “Estamos ante un lugar único tanto en patrimonio como en intelixencia e capacidade para crear. Moitas grazas a todas as adegueiras e adegueiros que amosan o que fan e o territorio nun produto que logo comercializamos polo mundo e, por suposto, grazas pola paixón coa que mantedes esa actividade económica que nos identifica”, rematou.

 Pola súa banda, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarca, resaltou que “os viños que probamos amosan todo o esplendor das últimas colleitas. Falamos de máis de 4.000 hectáreas de D.O. Rías Baixas que nos deixan máis de 44 millóns de quilos de uva, pero tamén falamos viticultores e viticultoras que converten a súa paixón en calidade nos nosos viños”. 

 O presidente da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, quixo resaltar a boa saúde da actividade vitivinícola no Baixo Miño e, sobre todo, no Rosal. “É un orgullo ter tantas e tan boas adegas D.O. no territorio que fan viños únicos, con identidade, que se exportan a todo o mundo pero que soamente poden cultivarse e realizarse aquí”, asegurou.

 No seu pregón nesta XXX edición da Feira do Viño do Rosal O Master of wine (en galego, Mestre do Viño) Pedro Ballesteros lanzou unha mensaxe de “profunda admiración polo permanente no Rosal, como é a paisaxe, pero tamén polo que non se ve, por saber conservar a beleza co desenvolvemento das persoas, co compromiso medioambiental e con entusiasmo para preservar o bo que existe aquí mentres se desenvolven novas oportunidades”.

 O pregón de Pedro Ballesteros, e o concerto de Moon Cresta deron o pistoletazo de saída a unha feira que durante a fin de semana celebrou un programa moi completo que incluiu unha demostración de cociñado do Programa “EuroChef” de EuRural, Sesións vermú onde o vermú cedeu o seu protagonismo ao viño do Rosal, amenizados coa música de “Blues do País” o sábado a mediodía no marco do Programa “Música e Viño no teu Camiño”, tamen de Eu rural, e a medio día do domingo co concerto de “Pandereteiras Tremelique”. A cita máis destacada correu a cargo do Grupo “Broken Peach” que deu un concerto por todo o alto á noitiña do sábado. O domingo pola mañá houbo ocasión de xogar en familia cos “Xogos da empatía” e, para rematar a programación, o dúo Awen puxo o broche final a esta edición cun concerto no que recorreron as cancións máis destacadas dos 70, 80 e 90.

Ningún comentario:

Publicar un comentario