4 de nov. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa conmemora o 150 aniversario do Colexio Apóstolo Santiago, de A Pasaxe


De esq. a der.: Almudena Taboada Lago, secretaria da SFeNG; José Ángel Gándara, presidente da SF e NG; José Luis Rey Barreiro, presidente de FEGASOFI; a alcaldesa pedánea da E.L.M. de Camposancos, Mª Mercedes Martínez Vázquez; o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; e o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez

Infogauda / Camposancos

 O venres, 31 de outubro, ás 20:00 horas,  no salón da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, inaugurouse a Mostra Filatélica conmemorativa do 150 aniversario do Colexio Apóstolo Santiago, de A Pasaxe.  

 No acto, presentado pola secretaria da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (SFeNG), Almudena Taboada Lago, interviñeron o presidente da SFeNG, José Ángel Gándara Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), José Luis Rey Barreiro; a alcaldesa pedánea de Camposancos, Mª Mercedes Martínez Vázquez; e o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero. 

 Pechou o acto cunha conferencia sobre a historia dos inicios do Colexio Apóstolo Santiago en Camposancos, o historiador e profesor Joaquín Miguel Villa Álvarez. 

 O presidente da SFeNG, antes de comezar a súa intervención desculpou ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, que por problemas de axenda non podía estar presente. 


Momento no que José Ángel Gándara Rodríguez, presidente da SFeNG, fíxolle entrega a José Fernando Martínez Martínez, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes de Camposancos, dun diploma, en agradecemento por colaborar cedendo o local para a exposición

 Asemade, antes de concluír o acto, o presidente da SFeNG fixo entrega ao presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, José Fernando Martínez Martínez, dun diploma de agradecemento por poñer ao servizo da SFeNG as súas instalacións para a devandita mostra.  

 Terminado o acto de presentación, as persoas asistentes accederon á planta baixa da Casa Cultural da devandita Comunidade de Montes, onde se presentou o selo conmemorativo da exposición, cunha imaxe de 1910, da reformada fachada do colexio e un cuño especial da devandita fachada, debuxo realizado por Manuel García. 


Posta en circulación do material filatélica (cuño, selo e sobre conmemorativos) da exposición


 A continuación tivo lugar a inauguración da exposición cunha visita ás coleccións expostas: A Guarda a través dos fotógrafos da época, de José Ángel Gándara Rodríguez; Terra Australis Ignota, de Almudena Taboada Lago; Estilos arquitectónicos relixiosos (en Europa e área de influencia), de Luciano Lomba Vicente; España 1º Centenario, de Marcelino Portela Lorenzo; e Colón: Rumbo a las Yndias, de José Ángel Gandara Rodríguez.  

 A exposición permanecerá aberta ata este mércores día 5 de novembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario